Cargando....
Concello de Lugo
01/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa no 40 aniversario do IES As Mercedes


# Venres, 24/04/2009
López Orozco subliñou a importancia de que Lugo compita no mercado global por ter os recursos humanos mellor formados

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Voceiro Municipal, José Rábade e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participaron nos actos de celebración do 40 aniversario do IES As Mercedes.

As actividades previstas comezaron cunha recepción dos Directores dos centros públicos de Lugo e centros adscritos e continuaron coa apertura da xornada de portas abertas.

O Alcalde de Lugo, felicitou ao centro por este "corenta aniversario" e trasladoulle a noraboa a todos os docentes "por colaborar no extraordinario traballo de formación da nosa mocidade, para que saiban enfrontarse con boa preparación nun mercado laboral cada vez máis complexo e globalizado". E engadiu que "é un centro capaz de contar a súa historia e que xa nos anuncia un extraordinario futuro".

López Orozco remarcou o compromiso deste "equipo de goberno pola reciclaxe dos profesionais, a formación continua e o estímulo do emprego. Nós non temos competencias en creación de emprego, e aínda así contribuímos dentro das nosas posibilidades na creación de postos de traballo". Nese senso, o mandatario lucense referiuse ás obras do FEIL, que maioritariamente están a ser desenvoltas por empresas lucenses, que ven así como se incrementa ou incluso se reactiva a súa carga de traballo.

Para o Alcalde de Lugo, "a nosa meta está moi clara, queremos que os mozos e mozas de Lugo compitan por ser os mellor formados, nunca por ter uns salarios baixos. Cremos na nosa mocidade, e nos seus valores e posibilidades. Temos que colaborar para que poidan demostrarllo ao resto do mundo". Resaltou que "o traballo que fan neste centro é unha garantía máis de que hai unha materia prima que non se vai a esgotar nunca: o coñecemento".

Os actos deste aniversario continuaron cunha exposición de coches, a presentación da revista do 40 aniversario, a explicación dunha maqueta con instalación de todos os elementos eléctricos, climatización e fontanería dun edificio.

As autoridades tamén visitaron unha exposición de fotografía matemática, de etnografía, de escaparatismo, de traballos dos alumnos de ESO e BAC, e unha exposición de gaitas de Seivane, que foi alumno deste centro.

Pola tarde continuarán as actividades cunha recepción de antigos alumnos, visitas guiadas e unha cea de confraternidade con membros e antigos membros da comunidade universitaria.

O domingo 26 terán continuidade os actos cun día dedicado aos alumnos, nais e pais do centro. Comezará ás 10.00, e contará coa actuación do grupo de baile galego Asociación Leguadereita e a Conferencia de Miguel Ángel Santos Guerra cun relatorio chamado Invitación ao optimismo.

Algo de historia

O IES das Mercedes naceu no ano 1969 co propósito de ser un Centro Nacional de Frío, aínda que nunca chegou a selo. O centro iniciouse coas ramas de Automoción e Metal, ás que logo se sumaron as de Frío Industrial e Electricidade, e Administración e Secretariado. A implantación da ESO, o Bacharelato LOGSE e diversos módulos formativos profesionais déronlle un xiro á oferta educativa do instituto, que agora celebra o seu corenta aniversario.

Na actualidade, a comunidade educativa do instituto das Mercedes intégrana 540 alumnos e 81 profesores.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova