Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na cuarta xornada do programa Lugoemprende na Universidade


# Luns, 27/04/2009
López Orozco reuniuse con 50 estudantes dos últimos cursos de Maxisterio

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou na cuarta xornada do Programa Lugoemprende na Universidade, organizado polo Centro de Empresas e Innovación, a Área de Autoemprego do Campus de Lugo e a Escola Universitaria de Formación de Profesorado.

As sesións deste programa irán enfocadas a fomentar a cultura emprendedora entre a comunidade universitaria. A cuarta xornada do programa ‘Lugoemprende na Universidade’ contará cun ‘Seminario para a Difusión da Creación de Empresas. O obxectivo que pretende é achegar o emprendemento a todos os universitarios dos últimos cursos das diferentes Facultades e Escolas que forman parte do Campus lugués.

O Alcalde afirmou que “este programa confirma a forte aposta deste Concello polo coñecemento”, e engadiu que “é unha gran sorte que Lugo teña un campus universitario”. López Orozco resaltou que “contamos cunha materia prima fundamental como é o coñecemento, o que nos fai fortes nun mercado global”.

Nesta xornada, participaron 50 estudantes dos últimos cursos das diferentes especialidades que se imparten en Maxisterio.

O obxectivo desta xornada será difundir a maneira como se xeran as ideas empresariais e romper os mitos sobre a figura do emprendedor, amosando a través de experiencias persoais de emprendedores galegos, que calquera persoa con ganas e esforzo pode desenvolver un proxecto empresarial.

O contido deste Seminario para a Difusión da Creación de Empresas segmentarase basicamente en tres partes. A primeira delas centrarase na figura do emprendedor como pedra angular de calquera proxecto empresarial e analízase a relación entre o éxito da empresa e as características persoais deste axente. A través de casos reais de empresas implantadas en Galicia, abordaranse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor, as habilidades, coñecementos e actitudes necesarias, os mitos que hai que superar, as principais barreiras que adoitan atopar e as diferentes motivacións que impulsan a emprender.

Na sesión estudarase ademais a idea de negocio, como o concepto que se desexa vender e cal será o perfil dun cliente potencial. Examinaranse as distintas fontes de ideas e concluirase que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Abordaranse tamén as diferentes fontes de información ás que o emprendedor deberá acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade a partir do punto de vista comercial, económico-financeiro e técnico-legal.

A última parte centrarase na posta en marcha e na transformación da idea en proxecto, na necesidade de desenvolver un plano de empresa rigoroso e os recursos humanos e materiais que son necesarios para poñer en marcha o proxecto. Mostraranse ademais unha serie de instrumentos e recursos que están dispoñibles para os emprendedores e que supoñen unha importante axuda para acadar o éxito nos seus proxectos de empresa.

Ao longo de todo o seminario expoñeranse casos reais de emprendedores que desenvolveron un proxecto empresarial en Galicia (extraidos do Banco de Proxectos Empresariais), no que se abordan aspectos como o historial do emprendedor, os recursos dos que dispoñía, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que o levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tivo que superar e as ameazas que se avistan no seu sector ou mercado, así como os factores aos que se pode atribuír o éxito da súa empresa.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova