Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PON EN MARCHA UN PLAN DE AFORRO E CONTROL DO USO DA TELEFONÍA MÓBIL NOS SERVIZOS MUNICIPAIS


28/4/2009 * A Concelleira de Servizos Xerais xa anunciou que xa se está traballando no Plan de aforro da telefonía fixa e da enerxía
* Este Plan permitirá un aforro de preto do 40% do gasto total en liñas de móbil

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou o Plan de Aforro municipal para o uso de telefonía móbil. Luisa Zarzuela explicou que “o Concello de Lugo ante a difícil situación económica global e que afecta tamén a esta cidade, e logo de adoptar distintas medidas de austeridade para reducir o gasto na administración local, decidiu poñer en marcha un novo Plan de Aforro. Esta vez incluirá as liñas de telefonía móbil de todo o Concello de Lugo”.

Na actualidade, o Concello de Lugo conta con 225 liñas de móbil. Tras unha análise da situación actual decidiuse que “eran prescindibles 75 destas liñas xa que non eran servizos de emerxencia nin fundamentais para o correcto funcionamento do Concello”.

Esta eliminación de liñas representa o 26% do total, quedando activas un total de 150 liñas, e suporá un aforro previsible de entre o 15 e o 20% do gasto.

Ademais, segundo explicou a responsable da área “decidiuse, aproveitando a prórroga do contrato coa empresa adxudicataria das liñas móbiles, renegociar as tarifas para mellorar as condicións económicas aceptadas no seu momento. Con estas novas tarifas, o Concello reducirá o gasto entre un 14,5% e un 27,5%. Obtendo reduccións naquelas chamadas máis habituais”.

Luisa Zarzuela lembrou a importancia dun consumo responsable, neste caso fundamental “xa que falamos de cartos públicos. Somos conscientes da necesidade de ser os primeiros en levar a cabo un consumo responsable. Por iso, limitaremos o uso dos móbiles fóra do horario laboral, exceptuando aqueles pertencente aos servizos de emerxencias e de garda”. Zarzuela explicou que a maioría dos móbiles municipais só poderán empregarse para chamadas internas fóra do horario laboral. Ademais faranse informes periódicos e individualizados sobre o uso de cada liña de teléfono móbil.

Con estas medidas a previsión apunta a que o Concello de Lugo pode aforrar entre un 35 e un 40% do gasto total en consumo de móbiles.

Na actualidade, a media de gasto das 225 liñas de móbiles é de 8.500 euros, con esta redución e control, pasaremos a un gasto que será inferior aos 5.000 euros.

A responsable de Servizos Xerais adiantou ademais que “o seguinte paso, no que xa estamos traballando é no Plan de Aforro da Telefonía fixa, no cal incluiremos medidas de control similares, e o plan de control do gasto enerxético. O Concello, como administración máis próxima ao cidadán debe ser exemplar tamén no seu traballo. Estamos nun momento no que todos nos vemos obrigados a apretar o cinto. Tamén neste senso nos sentimos solidarios co resto da poboación”.

Luisa Zarzuela pediu para o bo funcionamento deste Plan “a colaboración de todas e todos os traballadores do Concello. Marcámonos o obxectivo da austeridade, do control de cada euro que saia das arcas municipais, pero para iso debemos facer cómplices da nosa proposta aos traballadores do Concello, dos que esperamos un apoio total”.

Acompañando estas medidas de aforro, enviarase nestes días unha circular interna na que se lembrará o horario de uso dos móbiles do Concello e na que se recomendarán medidas de aforro, como o fomento do uso do correo electrónico en detrimento do uso do teléfono móbil, sms e teléfono fixo.