Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A opereta de Viena e París dará continuidade ao Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus


# Martes, 28/04/2009
A mezzosoprano Alexandra Rivas actuará no Círculo das Artes o mércores 29 a partir das 20:30 horas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Tras o exitoso arranque do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus, coa Igrexa de San Pedro ateigada de público para escoitar o concerto dedicado a Haendel da agrupación inglesa The Scholars Baroque Ensemble, e o concerto do frautista Laurent Blaiteau, continúa esta semana a súa marcha cun singular e atrainte programa dedicado á opereta.

A protagonista deste terceiro concerto será a mezzosoprano vienesa Alexandra Rivas. Formada na súa cidade natal, esta cantante con gran experiencia no repertorio operístico e de fermosa voz atesoura unha gran musicalidade e versatilidade interpretativa que nesta ocasión pon ao servizo dun dos xéneros máis típicos e coñecidos da súa terra, a opereta.

No seu recital en Lugo, onde actúa por primeira vez, Alexandra Rivas cantará arias e romanzas de operetas vienesas e francesas. A opereta vienesa estará representada por autores imprescindíbeis como Franz Léhar ou Robert Stolz e de nomes menos coñecidos na nosa terra como Emmerich Kálmán, Nico Dostal e Oscar Straus que sen dúbida contribúen a aumentar o interese do concerto. Rivas achegaranos a opereta francesa ou parisina ao través do xenio dun dos pais do xénero Jacques Offenbach (do que escoitaremos varios números dunha das súas operetas máis célebres, La Périchole) e do compositor cubano Moisés Simón Rodríguez que, tras o seu paso por Madrid deixando mostra do seu talento na zarzuela, destacou en París polas súas operetas compostas baixo o seudónimo de Moïses Simons.

Alexandra Rivas estará acompañada por Kristin Okerlund, pianista formada en Estados Unidos que dende hai dezasete anos é profesora do Conservatorio de Viena e repertorista da prestixioso teatro de ópera desta cidade (Staatsoper de Viena), e que nos seus recitais por todo o mundo acompañou a famosos cantantes como Walter Berry, Samuel Ramey, Johan Botha, Nancy Gustafson, Andrea Rost, Angelika Kirchschlager, Ildiko Raimondi, Carlos Álvarez, Neil Shicoff, Giuseppe Sabbatini, Bo Skovhus e Edita Gruberova.

A cita será no Círculo das Artes o mércores 29 de abril ás 20:30 horas, con entrada é gratuíta -ata completar o aforo do local- como é habitual no festival.

As seguintes citas do festival veñen enmarcadas nunha semana, a próxima, especialmente dedicada ao lied e a canción e protagonizada por artistas de gran prestixio internacional. O martes 5 de maio actuarán no Conservatorio Profesional de Música dous ingleses, o tenor Andrew Kennedy e o pianista Roger Vignoles, cun programa dedicado aos ciclos de cancións de Britten. E o mércores 7 de maio será a vez, no Círculo das Artes, da soprano bávara Birgid Steinberger e do pianista inglés Julius Drake nun concerto dedicado algúns dos mestres do lied alemán: Schubert, Wolf e Mahler.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova