Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Inaugurada a exposición internacional Borde Sur ante numeroso público


# Xoves, 30/04/2009
Gómez Besteiro amosa a súa satisfacción porque Lugo sexa a primeira cidade do mundo que acolle a mostra

Imaxe Asociada

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este mércores a exposición internacional Borde Sur que permanecerá na Capela de Santa María desde hoxe ata o 31 de maio. Gómez Besteiro, que estivo acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, da Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, do Deputado de Réxime Interior, Melchor Roel, do Cónsul de Uruguai en Galicia, Gonzalo Koncke, así como de responsables da mostra, sinalou que "para a Deputación é un orgullo que a Capela fose o lugar escollido para esta exposición, xa que nos convertemos na primeira cidade do mundo que acolle a mostra por diante doutras como Madrid, Barcelona e mesmo Nova York".

Ante numeroso público, o responsable provincial lembrou que "o feito de que Borde Sur estea en Lugo permite renovar lazos con Uruguai e demostra que as relacións da Deputación coa poboación emigrante en Sudamérica comezan a ser unha constante. Non entendemos esta relación como axuda ou subsidio, senón como colaboración. Por iso, puxemos en marcha en Viveiro a Casa do Emigrante, que hoxe xa é a porta dos emigrantes en Lugo, pero tamén a de todos aqueles proxectos empresariais que teñen como destino a nosa provincia".

Gómez Besteiro explicou que coa inauguración, a Deputación cumpre outro dos obxectivos do Centro de Artesanía e Deseño: conseguir que a Capela de Santa María sexa o epicentro das últimas tendencias de deseño e artesanía. Neste senso, sinalou que "estamos traballando na nova programación, de xeito que proximamente presentaremos unhas coleccións moi escollidas, combinando os nomes máis punteiros cos artesáns e deseñadores da nosa provincia. De feito, logo desta exposición, presentaremos outras dúas mostras que completan a oferta e a nova función da Capela".

59 artistas e 57 obras

A mostra reúne 57 creacións de 59 artistas uruguaios contemporáneos e de recoñecido prestixio, que representan catro xeracións distintas, e que plasman sobre o lenzo a posibilidade de coñecer o lugar que ocupa a fronteira e que enfronta a cada artista coa noción do límite e das súas consecuencias.

Esta é a primeira vez na historia que tantos artistas uruguaios expoñen o seu traballo fóra do seu país de orixe. Durante o ano 2009 as propostas destes artistas percorrerán distintas cidades do mundo, co apoio do Ministerio de Relacións Exteriores de España e as súas embaixadas no mundo.

A exposición poderá visitarse de 12:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 18:00 a 21:00 horas pola tarde. Durante a fin de semana, o horario será de 18:00 a 21:00 horas. Logo da súa estancia en Lugo, a mostra trasladarase a Santiago, Vigo, Ferrol e Ourense. Posteriormente, Madrid, Barcelona, Berlín e París serán sede da mesma. Rematará en Washinton e Nova York.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova