Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O mundo do lied e da canción protagonizan esta semana o Festival de Música Cidade de Lugo


# Luns, 04/05/2009
Será o martes, día 5, no Conservatorio Profesional de Música e o xoves 7 no Círculo das Artes

Imaxe Asociada

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus entra na súa terceira semana de actividade, unha semana especial sobre o mundo do lied e a canción con dous concertos dedicados a este xénero musical que estarán protagonizados por artistas de gran prestixio internacional.

A primeira das citas é o martes 5 de maio no Conservatorio Profesional de Música, onde actuarán dous grandes artistas ingleses. O ano pasado o festival comezou un proxecto centrado nos ciclos de cancións do compositor inglés Benjamin Britten que inaugurou brillantemente o reputado tenor inglés Mark Padmore. Esta iniciativa que ten continuidade nesta edición do 2009 segue a contar coa colaboración dun recoñecido e sensible especialista, o pianista Roger Vignoles, que estará de novo no auditorio do conservatorio acompañando a outro tenor inglés de ascendente carreira como é Andrew Kennedy. Xuntos interpretarán o fermoso ciclo On this island e os singulares Sete sonetos de Michelangelo.

Andrew Kennedy formouse no King's College de Cambridge e no Royal College of Music de Londres e recibiu numerosos premios e galardóns entre os que cómpre salientar o obtido nun dos concursos de canto máis prestixiosos do mundo, o de Cardiff. As súas actuacións operísticas inclúen algúns dos mellores teatros de Europa, como Covent Garden de Londres, La Monnaie de Bruxelas, Lión, Glyndebourne, Edimburgo, etc., e proximamente debutará nos escenarios das Ópera de Houston e na Scala de Milán. Roger Vignoles é sinxelamente un dos músicos e pianistas acompañantes máis distinguidos do mundo, que atesoura máis de trinta anos de experiencia nos escenarios xunto aos máis coñecidos cantantes e nos máis prestixiosos escenarios de todo o planeta. Ademais, Vignoles estableceu dende hai uns anos unha relación moi especial e estreita con Galicia: é codirector artístico do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela e cada ano actúa no Festival de Música Cidade de Lugo.

O mércores 7 de maio será a vez, no Círculo das Artes, da soprano bávara Birgid Steinberger e do pianista inglés Julius Drake. O concerto destes dous músicos de enorme categoría internacional continuará amosando ao público lucense diferentes aspectos do variedade do xénero do lied e a canción, e en concreto constituirá unha excelente mostra do lied alemán, xa que nel poderán escoitarse a algúns dos seus mestres máis senlleiros, como son Schubert, Wolf e Mahler. De Franz Schubert interpretarán unha antoloxía que inclúe algunha das súas cancións máis fermosas (como o celebre Ave María), de Hugo Wolf escoitaremos unha selección do seu extenso Italienisches Liederbuch (Libro de cancións italiano) e de Gustav Mahler unha coidada colleita da súa singular colección Des Knaben Wünderhorn (O corno máxico do rapaz).

Nada en Alemaña, en Bavaria, a soprano Birgid Steinberg formou parte das plantillas das dúas óperas máis importantes de Viena, a Staatsoper e a Volksoper, e as súas actuacións a levaron aos teatros e festivais da entidade dos de Berlín, Stuttgart, Múnic, Lisboa, Nova York, San Petersburgo, París, etc. O pianista Julius Drake está especializado na música de cámara, traballa con moitos dos principias artistas vocais e instrumentais internacionais e atesoura unha amplísima e moi premiada discografía. Só por citar algúns dos auditorios máis importantes nos que ten actuado podemos citar, Edimburgo, Múnic, Salzburgo, Nova York, Amsterdam, París, Viena ou Londres, ao carón de cantantes como Thomas Allen, Ian Bostridge, Angelika Kirchschlager, Sergei Leiferkus, Felicity Lott, Jose Van Dam, Williard White, etc. Xunto con Roger Vignoles, Julius Drake é un dos destacados artistas que estableceu unha estreita relación que contribúe a aumentar o prestixio do noso Festival de Música Cidade de Lugo, no que actúa por terceiro ano consecutivo.

Os concertos comezarán ás 20:30 horas e a entrada será gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova