Imprimir

O CONCELLO DE LUGO DECRETA DOUS DÍAS DE LOITO OFICIAL POLO FALECEMENTO DAS DÚAS XOGADORAS DO EMEVÉ


4/5/2009 Mañá e pasado, as bandeiras da Casa Consistoria onderán a media asta

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosou hoxe as súas condolencias, en nome de toda a Corporación, ás familias das dúas xogadoras do Emevé falecidas no accidente de tráfico rexistrado onte en Santiago de Compostela cando voltaban de Canarias, onde acababan de gañar a medalla de prata no Nacional Xuvenil de Voleibol, e referiuse ao día de hoxe como "un día triste para Lugo e para o conxunto da cidadanía, xa que o Emevé é un clube familiar e moi querido na cidade".

A Xunta de Voceiros do Concello de Lugo acordou hoxe adicar dous días de loito oficial -mañá e pasado- nos que as bandeiras da Casa Consistorial ondearán a media asta. Así se comunicará na sesión plenaria que se celebrará esta tarde, e na que tamén se elaborará un comunicado conxunto dos tres grupos da corporación municipal para expresar as condolencias de toda a sociedade lucense ante o tráxico suceso.

O Alcalde de Lugo agradece o extraordinario comportamento que todas as persoas e institucións están a ter coa cidade "nestes momentos que son, como deben ser, de unidade e traballo en común". Representantes do Goberno do Estado, da Xunta de Galicia, e doutras administracións locais, puxéronse en contacto co Concello lucense para amosar o seu apoio nestes duros momentos.

José López Orozco quere transmitir o ánimo de todos eles, e de toda a corporación lucense, aos membros do clube Emevé, "para que sexan fortes e sigan levando o nome de Lugo ao máis alto nivel no mundo do deporte".