Imprimir

O ALCALDE DE LUGO MANTERÁ ENCONTROS CON NUMEROSAS AUTORIDADES INTERNACIONAIS EN WASHINGTON


4/5/2009 A viaxe é completamente gratuíto para o Concello de Lugo xa que o paga integramente a Organización de Estados Americanos que fixo a invitación

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, viaxa a Washington invitado pola Organización de Estados Americanos para explicar o traballo que fai Lugo en materia de prevención das drogodependencias.

Trátase dunha viaxe completamente gratuíto para o Concello, xa que é a Organización de Estados Americanos (OEA) a que se fai cargo de todos os gastos do desprazamento, aloxamento e dietas do mandatario lucense.

O Alcalde foi invitado, tal e como explicaron os responsables da Comisión Interamericana Contra o Abuso de Drogas (CICAD), pola súa capacidade de liderado ante un proxecto de loita contra as drogas, como o que realiza a CICAD.

López Orozco participará os días 6, 7 e 8 de maio no cuadraxésimo quinto período ordinario de sesións da Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas, Secretaría de Seguridade Multidimensional da Organización dos Estados Americanos (OEA) que terá lugar en Washington, D.C. no edificio da Secretaría Xeral, Salón Padilha Vidal (1889 F Street, Washington, D.C.)

Esta viaxe permitirá tamén que López Orozco presente a cidade de Lugo a todos os Estados Membros da OEA. Para iso levará un vídeo da cidade cunha presentación do pasado, presente e futuro de Lugo, realizado en castelán e inglés para cada un dos delegados presentes neste encontro internacional.

A axenda do Alcalde de Lugo, a falta de concretar algúns aspectos que, por motivos de seguridade, a OEA non confirmará ata que comece a 45 reunión da CICAD, estará chea de mesas de traballo e encontros institucionais con numerosas autoridades internacionais.

O día 6, ás 9:00 horas López Orozco participará na inauguración da CICAD 45 por parte do Secretario Xeral da OEA, José María Insulza, iniciándose unha serie de mesas de traballo que conforman este encontro da Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas.

Posteriormente, terá lugar a reunión do Alcalde de Lugo co Secretario Xeral da OEA, José María Insulza, para tratar, entre outros temas, cuestións relacionadas coa organización do Foro Lugo en 2010 e a súa inclusión na axenda da Presidencia española da Unión Europea -que será no primeiro semestre de 2010-.

O día 7, desde as 9:00 horas, continuarán as comparecencias e mesas de traballo dos representantes dos Estados Membros da OEA, que se estenderán ao longo de todo o día. Nelas explicaranse as distintas medidas e iniciativas postas en marcha polos integrantes da CICAD na loita contra as drogas ilícitas, dentro do proxecto EU-LAC Alianza de Cidades en Tratamento de Drogas. Trátase dun proxecto internacional, financiado pola Comisión Europea, e no que Lugo forma parte activa por ser membro do Comité Executivo.

Esta iniciativa reúne a máis de 40 cidades de ambos lados do Atlántico co fin de mellorar os servizos de tratamento e rehabilitación das persoas dependentes de drogas e alcohol.

O día 8 terá lugar a intervención do Alcalde de Lugo que será o encargado de inaugurar a última sesión da 45 reunión da CICAD/OEA. Farao nunha sesión plenaria que comezará ás 9:00 horas e na que estarán presentes todos os representantes dos Estados membros da OEA e as máis altas autoridades das Américas con responsabilidade nos seus países para o control da demanda e da oferta de drogas ilícitas.

López Orozco intervirá na xornada dedicada ao Tratamento, Rehabilitación e Reinserción Social das Persoas Dependentes de Drogas. Na súa conferencia expoñerá a política preventiva posta en marcha desde a cidade de Lugo e que a converteu en modelo e fonte de inspiración e cooperación para outras cidades en Europa e América.

Na actualidade, Lugo estableceu acordos cos municipios de Mexicali (México), Colón (O Salvador), San Ramón (Costa Rica) e Montevideo (Uruguai) para levar a cabo proxectos conxuntos na recuperación de persoas adictas ás drogas.

A súa intervención terminará cunha quenda de preguntas aberto a todos os representantes dos Estados da OEA.

Máis información:

O Alcalde de Lugo e o Secretario Executivo da CICAD explican por videoconferencia o papel de Lugo en Washington

O Alcalde de Lugo acudirá a Washington invitado pola OEA para falar sobre a política de prevención de drogas