Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA OS ACTOS DE CELEBRACIÓN DO DÍA DE EUROPA


5/5/2009 O seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro tratará temas clave como a igualdade entre xéneros e os dereitos dos consumidores europeos

O Concello de Lugo organiza, con motivo da celebración do Día de Europa, dende o Centro de Información Europea Europe Direct-Lugo, un seminario baixo o título de Europa: a resposta aos desafíos do futuro, que terá lugar o vindeiro venres día 9 no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación. Na presentación dos actos do aniversario do nacemento de Europa, o día 9 de maio de 1950, estiveron presentes a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, a vicedecana do Colexio de Avogados, Paula Alvarellos, e a secretaria do Centro da UNED en Lugo, Ana Belén Traseira.

A Concelleira resaltou a importancia da celebración destes actos xa que amosan a vocación europea de Lugo que se ven plasmando dende fai máis de dez anos na realización de diferentes proxectos cofinanciados pola Unión Europea. Ademais recordou que este mesmo ano púxose en marcha o Centro de Información Europea Europe Direct-Lugo, un dos 48 que existen en toda España e 500 en toda Europa, para "a realización políticas de información europeas das que se pode beneficiar a cidadanía lucense".

Precisamente dende este centro organízase o seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro, no que se tratarán temas clave para que a cidadanía sexa o centro do proxecto europeo como a igualdade e a representatividade das mulleres no plano político, da ciencia e da Universidade. Nesta xornada tamén se tratarán aqueles asuntos que teñen que ver cos dereitos dos cidadáns como consumidores.

O programa do seminario inclúe dúas mesas redondas no que participarán relatores de recoñecido prestixio:

O venres 8 de maio ás 12:00 horas terá lugar o coloquio Igualdade, cidadanía e política, no que se presentará o obxectivo da Unión Europea en materia de igualdade para garantir as mesmas oportunidades e de trato entre ambos sexos e en loitar contra toda discriminación baseada no xénero. Nesta mesa contarase coa experiencia de María Elena Vázquez Cendón, profesora de Universidade de Matemática Aplicada e Directora da Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da Universidade de Santiago de Compostela; de Esther Cordero Zárraga, membro da Red Team Europa e diplomada en Estudos Europeos pola Universidade de Deusto; Julia Sevilla Merino, Letrada das Cortes Valencianas e Profesora de Dereito Cosntitucional da Universidade de Valencia, e a Vicedecana do Colexio de Avogados, Paula Alvarellos.

Xa pola tarde retomarase o programa, a partir das 17:00 horas, coa celebración da mesa redonda Agricultura, alimentación e consumidores, no que se debaterá sobre a información coa que contan os consumidores europeos sobre os produtos que adquiren, a seguridade e a calidade dos mesmos. Nesta mesa redonda participarán: Antolín Sánchez Presed, Europarlamentario e membro da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios da Unión Europea, José Manuel Blanco González, Subdirector Xeral de Análises e Programación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e José E. Rodríguez Coello, asesor da Presidencia da Deputación Provincial de Lugo e Director do proxecto Lugo2.

Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición enviando o cuestionario, que se poderá descargar na web municipal, ao seguinte fax 982 297 364 ou na seguinte dirección de correo electrónico: europedirect-lugo@concellodelugo.org . Para conseguir máis información pódese chamar ao 982 297 479.

O sábado 9 de maio, a partir das 10:00 horas pola mañá e das 17:00 horas pola tarde, organizáronse un conxunto de actividades para os rapaces e rapazas de Lugo. A través de xogos, gimkanas, música e outras actividades preténdese que os cativos e cativas coñezan o significado da Unión Europea, de que España forme parte desta Unión e de ser cidadáns europeos.

Como broche a este completo programa terá lugar, a partir das 12:00 horas na praza Maior, o acto institucional para lembrar o día de Europa no que se procederá ao izado de bandeiras e a escoitar o himno europeo como símbolo de achegamento e hermanamento de todos os pobos da Unión Europea.

A Concelleira convidou "a todas as persoas que o desexen a participar que nestes dous días de celebración de conmemoración do nacemento da Unión Europea".

Máis información: organización e programa do Seminario