Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A soprano Birgid Steinberger e o pianista Julios Drake, protagonistas do vindeiro concerto do Festival de Música Cidade de Lugo


# Mércores, 06/05/2009
Será o xoves, 7 de maio, no Círculo das Artes a partir das 20:30 horas

Imaxe Asociada

Na súa semana especial dedicada ao mundo do Lied e a Canción, o Festival de Música Cidade de Lugo 2009 presenta o xoves 7 de maio, no Círculo das Artes, á soprano bávara Birgid Steinberger e ao pianista inglés Julius Drake.

O concerto destes dous músicos de indubidable categoría internacional continuará amosando ao público lucense diferentes aspectos do variedade do xénero do lied e a canción. En concreto constituirá unha excelente mostra do lied alemán, xa que nel poderán escoitarse a algúns dos seus mestres máis senlleiros, como son Schubert, Wolf e Mahler. De Franz Schubert interpretarán unha antoloxía que inclúe algunha das súas cancións máis fermosas (como o célebre Ave María), de Hugo Wolf escoitarase unha selección do seu extenso Italienisches Liederbuch (Libro de cancións italiano) e de Gustav Mahler unha coidada colleita da súa singular colección Des Knaben Wünderhorn (O corno máxico do rapaz).

Nada en Alemaña, en Baviera, a soprano Birgid Steinberg formou parte das plantillas das dúas óperas máis importantes de Viena, a Staatsoper e a Volksoper, e as súas actuacións a levaron aos teatros e festivais da entidade dos de Berlín, Stuttgart, Múnic, Lisboa, Nova York, San Petersburgo, París, etc.

O pianista Julius Drake está especializado na música de cámara, traballa con moitos dos principias artistas vocais e instrumentais internacionais e atesoura unha amplísima e moi premiada discografía. Algúns dos auditorios máis importantes nos que ten actuado son: Edimburgo, Múnic, Salzburgo, Nova York, Amsterdam, París, Viena ou Londres, ao carón de cantantes como Thomas Allen, Ian Bostridge, Angelika Kirchschlager, Sergei Leiferkus, Felicity Lott, Jose Van Dam ou Williard White. Xunto con Roger Vignoles, Julius Drake é un dos destacados artistas que estableceu unha estreita relación que contribúe a aumentar o prestixio do Festival de Música Cidade de Lugo, no que actúa por terceiro ano consecutivo.

O concerto comezará ás 20:30 horas e a entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

As próximas citas do festival inclúen o primeiro concerto do Corpus dos Nenos no Círculo das Artes o sábado 9 de maio e unha homenaxe a Pau Casals a cargo do violoncellista Thomas Piel na Fundación Caixa Galicia o martes 12 de maio.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova