Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca ante os Estados da OEA a importancia da cooperación e do traballo conxunto na loita contra as drogas


# Venres, 08/05/2009

* López Orozco recordou o traballo en prevención que se desenvolve desde fai anos na cidade de Lugo

* Invitou a todos os Estados membros da Organización Internacional a visitar Lugo no Foro Lugo 2010



Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, interveu hoxe ante todos os Estados membros da Organización de Estados Americanos (OEA), representados por máis de 150 delegados, dentro a quinta sesión plenaria do 45 período Ordinario de Sesións da Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas (CICAD) que está tendo lugar en Washington D.C.

A súa intervención enmárcase nunha xornada que tratará sobre o tema do Tratamento, Rehabilitación e Reinserción Social das Persoas Dependentes de Drogas.

López Orozco centrou a súa exposición no traballo feito desde a responsabilidade política e a perspectiva dun Alcalde que lidera unha alianza de cidades no tratamento de Drogas, como é o proxecto EU-LAC.

DISCURSO DO EXCMO SR. JOSE CLEMENTE LÓPEZ OROZCO ALCALDE DE LUGO SOBRE O TRABALLO REALIZADO EN DROGODEPENDENCIAS DESDE A CIDADE DE LUGO

8 de maio de 2009, Washington

A cidade de Lugo, da que son Alcalde, ten na actualidade case 97.000 habitantes; é unha cidade bimilenaria, de orixe romana e conserva a Muralla defensiva que é Patrimonio Mundial declarada pola UNESCO no ano 2000. O río Miño, que a baña, constituíu un paraxe singular polo que somos unha zona Reserva da Biosfera. Pero, sen dúbida, o mellor desta cidade, é a súa xente.

Lugo, está situada no noroeste da Península Ibérica, moi preto fisicamente de Portugal; é unha vía do Camiño de Santiago, camiño de cultura e que sempre nos uniu a Europa. Polo noso pasado migratorio, Lugo atópase moi preto espiritualmente de América.

A cidade de Lugo, por indicación da Delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, forma parte do Comité Executivo do programa -Alianzas estratéxicas entre Europa e América Latina e o Caribe para mellorar o tratamento e rehabilitación da dependencia de drogas-, proxecto xestionado pola Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas (CICAD), órgano técnico sobre drogas da Organización de Estados Americanos (OEA).

Para min, como Alcalde da cidade e representante neste foro de toda a súa cidadanía, é un verdadeiro honor poder formar parte dun programa integral no que, xunto con outros países (socios e executivos) preténdese unir esforzos, consolidar redes a nivel internacional, nacional, rexional e municipal no ámbito do tratamento e como non, da prevención das drogodependencias.

Moitos son os obxectivos que perseguimos neste camiño que ten unha das súas metas marcada en Lugo, en maio do 2010, na celebración do II Foro Internacional. Foro no que esperamos contar con todos vostedes.

Para nós é un privilexio ter un papel destacado nun traballo dirixido cara a uns fins tan solidarios e humanos como son a saúde e o benestar das persoas.

Podemos sentirnos privilexiados, e de feito sentímonos, por traballar de forma coordinada nunha dirección común. Aí se evidencia a importancia da cooperación internacional, do traballo conxunto, da alianza de civilizacións.

Hai máis garantías de que os proxectos salgan ben, cando se conta coa experiencia de grupos que viviron situacións similares e souberon resolvelas de forma satisfactoria.

A experiencia é un grado, e neste grupo de traballo da CICAD, é o nexo de unión. Desde Lugo non queremos ensinar a ninguén, queremos contar as nosas vivencias, aportar o noso gran de area e aprender moito dos demais.

Os éxitos e os fracasos duns e outros nos serven para enfrontarnos a cada situación, a cada realidade social. Axúdannos a poñer en marcha políticas municipais que conseguen obxectivos na loita contra as drogodependencias.

No área do tratamento de drogas, a nosa cidade pode ofrecer ao resto de cidades que forman parte desta rede, tal e como vimos facendo en cada un dos Foros e Reunións ás que asistimos, o seu coñecemento e experiencia.

Queremos contribuír a crear, activar e impulsar, un espazo común, no que as persoas responsables de políticas públicas a nivel municipal pódanse implicar, e á súa vez permítalles aplicar mellores prácticas e estratexias con vistas a unha mellor resposta ás necesidades de tratamento dos cidadáns con problemas de adicción ás drogas.

Apostamos por sensibilizar, formar e informar aos responsables das políticas públicas para que entendan á prevención e ao tratamento, como unha das prioridades do seu traballo.

A consecución de todos estes obxectivos, está unicamente nas nosas mans, nas de cada municipio, nas de cada autonomía, nas de cada nación, na coordinación interna de cada país, e na coordinación e traballo conxunto co resto de países que participan no proxecto. Sempre contando co apoio das familias, o sistema educativo, os propios recipiendarios desas políticas e todas aquelas organizacións que queiran facer unha sociedade mellor.

Coordinación, cooperación, traballo en equipo, son a clave e a esencia deste traballo internacional. Por iso Lugo está orgullosa de formar parte desta iniciativa.

Lugo recibirá a todas as cidades de Europa e América Latina incluídas na CICAD, para presentar as conclusións. Unhas conclusións que non serán outra cousa, que o principio do “buenhacer” no área do tratamento e prevención das drogodependencias, que matan e esnaquizan a vida das nosos mozos e mozas, inmigrantes, mulleres, familias, e da sociedade en xeral.

Trátase de contribuír desde a nosa perspectiva, a mellorar a tóma de decisións a nivel municipal sobre a calidade e cobertura do tratamento, a prevención e a rehabilitación en dependencia de drogas, para poboacións diversas da Unión Europea, América Latina e o Caribe, co fin de asegurar unha atención adecuada.

Temos que contribuír, cada un dentro das nosas posibilidades, a poñer en práctica políticas de transferencia de coñecementos, de transferencia de experiencias, que poidan ser de utilidade para brindar un mellor tratamento e rehabilitación aos consumidores e dependentes de drogas, prestando particular atención aos problemas relacionados coa exclusión social e a salvagarda dos dereitos humanos.

O Concello de Lugo, a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, traballamos coordinadamente na procura constante de medidas que axuden a reducir a demanda do consumo de drogas, e que axuden ao tratamento, a prevención e a incorporación social das persoas con problemas derivados dese consumo. A procura de valores, do sentido da vida, do papel do ser humano na sociedade únenos a moitos nese traballo e esforzo común.

Actualmente e ata o momento, a cidade de Lugo xa asinou acordos bilaterais con cidades como Mexicali (en México), Montevideo (Uruguai), San Ramón (Costa Rica) e Colón (O Salvador), e continuará facéndoo no futuro con calquera cidade interesada en coñecer a nosa metodoloxía de traballo, os nosos recursos, os nosos programas de prevención, de tratamento e de reincorporación social.

Nos últimos anos, multiplicamos esforzos para previr e reducir a demanda das drogas por parte da mocidade, mediante iniciativas lúdicas, artísticas, formativas, de incorporación socio-laboral, informativas.. Propoñéndolle á nosa mocidade alternativas reais ao consumo durante o seu tempo libre. En Lugo temos ao redor de 18.000 rapaces, supoñen case a quinta parte da poboación total do municipio.

Desenvolvemos programas que teñen en conta o triángulo educativo: escola, familia e comunidade, puntais fundamentais, que se coordinan e complementan. A eles unimos programas de tratamento que resultaron ser un éxito a xulgar polo descenso do consumo de drogas, concretamente do alcohol, na cidade.

A coordinación e complementación destes programas preventivos con outros de reinserción social e tratamento, foron o motor do noso éxito. Sabendo o enorme papel da familia e da Escola.

O feito de elaborar programas que parten de necesidades reais, constatadas por medio de Estudos Sociolóxicos locais previos, foi básico. Como o é tamén o papel dos medios de comunicación que deben ser sempre cómplices das políticas positivas que se levan a cabo.

Doutra banda, a cidade de Lugo traballa de forma integral a problemática de drogas, a partir o seu I Plan Municipal de Drogodependencias, que serve de guía, e é onde se recollen os obxectivos, a metodoloxía e as formas de coordinación coas restantes Institucións lucenses.

Trátase de conseguir que o traballo que cada municipio vén facendo de forma máis ou menos exitosa, non caia na individualidade, na exclusividade, e, en definitiva, no silencio. Queremos que sexa un traballo coordinado, unha peza dun puzzle que formamos todas as cidades que participamos neste ambicioso proxecto, perseguindo obxectivos comúns, con metodoloxías compartidas.

Moitas grazas e esperámoslles en Lugo o ano que vén.

Conferencias seguintes

Trala intervención do Alcalde de Lugo, fíxoo o Dr. Winston Da Haye, da Universidade dos West Indies, que falou sobre os Servizos de Tratamento. Seguidamente a Directora Executiva de Redución da Demanda de Drogas, do Centro Nacional de Planeación, Análise e Información para o Combate á Delincuencia (CENAPI), Luz María Garcia Rivas, representando á Procuraduría Xeral da República de México. García Rivas centrouse na alternativas ao encarceramento para infractores dependentes de drogas.

O Fortalecemento das políticas públicas de tratamento, rehabilitación e reinserción de dependentes de drogas, foi o tema que centrou a conferencia do doutor Mariano Montenedro, Xefe do Área de Tratamento do Consello Nacional para o Control de Estupefacientes (CONACE) de Chile.

O último relatorio foi a da doutora Gloria Wright, responsable da sección de Redución da Demanda da CICAD, e que falou sobre os Modelos de Desenvolvemento Educacional para profesionais no Área de Redución da Demanda de Drogas en América Latina: a experiencia da CICAD.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova