Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O BOP publica a adxudicación definitiva dunha nova obra incluída no FEIL


# Venres, 08/05/2009
O Boletín Oficial recolle tamén as bases para a concesión de 314.660 euros en subvencións para as asociacións do municipio

O BOP de hoxe, 8 de maio de 2009, publica a adxudicación definitiva dunha nova actuación que se levará a cabo na zona rural do municipio de Lugo ao amparo do Fondo Estatal de Investimentos Locais.

Trátase das obras de mellora da capa de rodadura do camiño que vai dende A Raña ata Argonde, ao seu paso polas parroquias de Santa Marta de Fixós, Saa e San Xoán do Campo. Esta actuación adxudícase de xeito definitivo á empresa "Asogal Construcciones" por un importe de 114.817 euros, e empregará a 10 persoas.

Esta obra forma parte das 19 actuacións incluídas na memoria de proxectos do Fondo Estatal de Investimentos Locais destinadas a mellorar os viais de acceso e comunicacións entre as diferentes parroquias do municipio. As obras que se levarán a cabo na zona rural estarán rematadas antes da fin de ano e permitirán que máis de 400 persoas estén traballando en obra pública do Concello de Lugo ao longo deste ano.

Subvencións ás asociacións

O Boletín Oficial da Provincia publica tamén as bases para a concesión de subvencións a asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro, co fin de facilitar o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante este ano, así como o mantemento e reparación dos equipamentos precisos para tal fin.

O importe total que o Concello de Lugo adica a estas subvencións ascende a 314.660 euros, que se reparten do seguinte xeito entre as diferentes áreas de actuación:

  • Servizos Sociais: 30.000 euros
  • Muller: 3.000 euros
  • Xuventude: 10.000 euros
  • Deportes: 140.000 euros
  • Participación cidadá: 105.170 euros
  • Cultura: 26.500 euros

Poden solicitar estas subvencións todas as asociacións ou entidades sen ánimo de lucro domiciliadas no municipio de Lugo, ou mesmo as foráneas cando demostren que desempeñan unha actividade con interese social, económico ou humanitario.

As solicitudes pódense presentar dende mañá, e no prazo de un mes, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo. A concesión ou denegación das axudas, así como a súa cuantía económica, farase logo de valorar cuestións como o interese xeral do programa, o número de beneficiarios ou a zona do municipio na que se desenvolve a actividade.

Malia que a situación económica que estamos a atravesar fai que as partidas sexan máis contidas, o Concello de Lugo continúa coa concesión destas subvencións para dinamizar a actividade das asociacións do municipio, que redundan no beneficio do conxunto da cidadanía lucense.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova