Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

9 de Maio, Día Internacional do Comercio Xusto


# Sábado, 09/05/2009
Manifesto de todos os Concellos e Deputacións que son parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

MANIFESTO

Todos os Concellos e Deputacións que son parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aceptaron, estatutariamente, o compromiso de contribuír desde o ámbito galego ao desenvolvemento dos países do sur (art. 2), sendo para isto necesario, segundo recolle a Declaración Programática da entidade (punto 3), a promoción dunha orde económica internacional máis xusta.

O Fondo Galego asume o Comercio Xusto como unha vía privilexiada para traballar de modo eficaz por unha máis equitativa redistribución xeográfica da riqueza, para paliar, pola vía dos feitos, os efectos discriminatorios que se derivan da orde económica internacional actual. Tamén para amortecer os prexuízos causados ao medio ambiente por un consumismo descarnado, cuxa insustentabilidade é máis patente cada día.

Os poderes públicos teñen un papel fundamental na promoción do Comercio Xusto, tanto polo volume que representan as súas compras en relación ao total do consumo mundial (no caso da UE, o 16% do PIB, segundo a Comisión Europea), como polo efecto exemplificante que o seu comportamento ten noutros actores e na sociedade en xeral.

Na actualidade, os principios do Comercio Xusto apenas son considerados polas institucións públicas galegas e españolas á hora de consumiren. Isto debe mudar, e as corporacións locais galegas teñen a oportunidade de erixírense en vangarda deste proceso de cambio, o que sería digno motivo de orgullo para Galicia e podería estimular a emulación por parte doutras institucións galegas e non galegas.

A tal fin, as entidades locais galegas han de camiñar de modo decidido cara á incorporación dos principios do Comercio Xusto nos seus hábitos de consumo, de modo que os produtos ou servizos adquiridos aos países do sur (pedras naturais para pavimentos, téxtiles con algodón, café, te, xoguetes, produtos deportivos, etc.) en ningún momento afecten ou ameacen os Dereitos Humanos ou ambientais das poboacións locais.

Do mesmo modo, han de difundir os principios do Comercio Xusto e facilitar, no posible, o consumo deste tipo de produtos entre as súas respectivas poboacións, multiplicando as actividades de difusión, sensibilización e promoción.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova