Cargando....
Concello de Lugo
09/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Expertos debaten en Lugo sobre a igualdade entre xéneros e os dereitos dos consumidores europeos


# Venres, 08/05/2009
Os actos forman parte do seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro, englobado dentro do programa do Concello de Lugo para celebrar o Día de Europa

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Alcaldesa accidental, Sonia Méndez, inaugurou esta mañá no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación o seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro organizado polo Centro de Información Europea Europe Direct-Lugo dentro do programa do Concello de Lugo para celebrar o Día de Europa.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, que se atopa en Washington D.C. para presentar dentro la quinta sesión plenaria del 45 período Ordinario de Sesiones de la Comisión Interamericana para el Control del Abuso de Drogas (CICAD) o traballo realizado no ámbito da prevención das drogodependencias polo Concello de Lugo, non quixo desaproveitar a ocasión de estar presente neste seminario a través dun vídeo que se proxectou na inauguración.

López Orozco afirmou que “a UE é un vello sono dos pais da Europa que agora estamos a construír, unha Europa da paz, e do respecto” e engadiu que o obxectivo é “construír entre os 27 países da unión unha gran rexión que loite polos valores da solidariedade, da paz, da concordia, da unidade e do traballo ben feito”. O Alcalde explicou que “Lugo tamén quere participar activamente na construción desta Europa solidaria, de paz e progreso”.

Pola súa banda, Sonia Méndez resaltou “o espíritu europeísta de Lugo, que intentaremos impregnar nesta xornada”. “Creemos na internacionalización da nosa cidade, de poñer a Lugo no mundo, de traballar en común para ser máis eficaces, e o seminario que hoxe inauguramos persegue estes obxectivos”, indicou.

No seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro, trátanse temas clave para que a cidadanía sexa o centro do proxecto europeo como a igualdade e a representatividade das mulleres no plano político, da ciencia e da Universidade. Nesta xornada tamén se tratarán aqueles asuntos que teñen que ver cos dereitos dos cidadáns como consumidores.

Despois da inauguración oficial tivo lugar o coloquio Igualdade, cidadanía e política, no que se presentou o obxectivo da Unión Europea en materia de igualdade para garantir as mesmas oportunidades e de trato entre ambos sexos e en loitar contra toda discriminación baseada no xénero. Nesta mesa redonda, moderada pola Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, contouse coa experiencia de María Elena Vázquez Cendón, profesora de Universidade de Matemática Aplicada e Directora da Cátedra Dr. Jaime Vera de Emprendemento Social da Universidade de Santiago de Compostela; de Esther Cordero Zárraga, membro da Red Team Europa e diplomada en Estudos Europeos pola Universidade de Deusto; Julia Sevilla Merino, Letrada das Cortes Valencianas e Profesora de Dereito Cosntitucional da Universidade de Valencia, e a Vicedecana do Colexio de Avogados, Paula Alvarellos.

Esta tarde retomarase o programa a partir das 17:00 horas coa celebración da mesa redonda Agricultura, alimentación e consumidores, no que se debaterá sobre a información coa que contan os consumidores europeos sobre os produtos que adquiren, a seguridade e a calidade dos mesmos. Nesta mesa redonda participarán: Antolín Sánchez Presed, Europarlamentario e membro da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios da Unión Europea, José Manuel Blanco González, Subdirector Xeral de Análisis e Programación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e Jose E. Rodríguez Coello, asesor da Presidencia da Deputación Provincial de Lugo e Director do proxecto LugO2.

Actividades do sábado

O sábado 9 de maio, a partir das 10:00 horas pola mañá e das 17:00 horas pola tarde, terán lugar un conxunto de actividades para os rapaces e rapazas de Lugo: xogos, gimkanas, música e outras actividades coas que os cativos e cativas poderán coñecer dun modo divertido e didáctico o significado da Unión Europea, de que España forme parte desta Unión e de ser cidadáns europeos.

Os actos institucionais terán lugar mañá, a partir das 12:00 horas na praza Maior. Neste acto para lembrar o día de Europa procederase a lectura dun discurso, ao izado de bandeiras e a escoitar o himno europeo como símbolo de achegamento e hermanamento de todos os pobos da Unión Europea.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova