Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CELEBRA DO DÍA DE EUROPA


9/5/2009 Actividades para nenos ao longo de todo o día e un acto institucional completaron o programa de celebración

O Concello de Lugo organizou, con motivo da celebración do Día de Europa, un completo programa. Os actos organizados incluíron, ademais do seminario Europa: a resposta aos desafíos do futuro, que tivo lugar onte no Centro de Empresas e Innovación, un conxunto de actividades para nenos e un acto institucional celebrado ás 12.00 horas do mediodía na praza Maior.

Neste evento, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, procedeu a lectura dun discurso en nome do Concello de Lugo no que lembrou a fundación da Unión Europea, o valor da paz, da liberdade, da democracia, do respecto aos dereitos humanos, a tolerancia e a igualdade que fundamentan a unión de Europa. Tamén resaltou o papel da UE como fundamento para a construción dun futuro pacífico para a humanidade.

No aniversario desta data tan especial, da fundación do que hoxe é a Unión Europea, o 9 de maio de 1950, en Lugo, unha das cidades máis antigas de Europa, "celebramos que somos cidadáns europeos e así nos sentimos".

Como punto final ao completo programa organizado polo Concello, escoitouse o himno europeo e procedeuse ao izado da bandeira dun modo moi orixinal cun número acrobático diante da Casa Consistorial, como símbolo de achegamento e hermanamento de todos os pobos da Unión Europea.

Ao longo de toda a mañá tiveron lugar un conxunto de actividades para os rapaces e rapazas de Lugo: xogos, gimkanas, música e outras actividades coas que os cativos e cativas puideron coñecer dun modo divertido e didáctico o significado da Unión Europea, de que España forme parte desta Unión e de ser cidadáns europeos. Estas actividades continuarán na Praza Maior a partir das 17:00 horas pola tarde.

Discurso polo Día de Europa

O 9 de maio de 1950, cinco anos despois de finalizar a segunda guerra mundial, Robert Schuman, Ministro Francés de Asuntos Exteriores, dirixiuse os países europeos con estas verbas: "A paz mundial só pode salvagardarse mediante esforzos creadores proporcionados aos perigos que a ameazan. A contribución que unha Europa organizada e viva pode aportar á civilización é indispensable para o mantemento de relacións pacíficas".

Esta declaración considérase o xerme da creación do que actualmente é a Unión Europea e, por iso, dende 1985 o día 9 de maio e o "Día de Europa".

En 1950, comezaba a tomar forma o vello soño dos humanistas, a construción dunha Europa unida e en paz, pero non deberíamos esquecer que, para chegar a esta esencial cordura, os europeos necesitamos da experiencia de dúas terribles e cruentas guerras nadas nos nosos confines e logo dilatadas as máis lonxanas rexións do planeta.

Foi a búsqueda da paz a que marcou a búsqueda da unión entre os países europeos; así como foi a idea esencial de conseguir un desenvolvemento económico equitativo entre todos os países europeos a que marcou os pasos sucesivos da construción europea e, neste senso, non sería xusto esquecer o papel fundamental que tivo e ten Europa no desenvolvemento económico do noso país, Galicia e da nosa cidade Lugo.

Pero non se pode reducir todo o proceso da integración europea, feito ao longo de moitas décadas, a un mero esforzo de adaptación económica, porque significa moito máis. Dende 1992, coa firma do tratado de Maastricht, fíxose realidade o tamén vello soño da cidadanía europea que permite circular e residir libremente nos países da Unión e outorga o dereito de votar e ser elixido no estado de residencia para as eleccións europeas. Para moitos de nós, 1992 é unha data moi cercana no tempo, polo que tendemos a minimizar a importancia dos feitos dos que fomos testemuñas e incluso protagonistas. Hoxe ninguén podería aceptar a idea dunha Europa de fronteiras con restricións na libre circulación. Somos cidadáns europeos e así nos sentimos.

Aínda hai un elemento na configuración da Unión Europea máis importante. A Unión construíuse sobre a defensa dos nosos valores comúns, a liberdade, a democracia, o respecto aos dereitos humanos, a tolerancia e a igualdade. Valores irrenunciables que teñen que acatar todos os países que se integran na Unión.

É esta unión de máis de cinco centos millóns de persoas, que aceptan uns valores propios, que defenden a idea de que máis aló da existencia dunha tradición cultural común, son precisamente as diferenzas culturais e de lingua as que nos enriquecen a todos, a que provoca que Europa se atope á vangarda económica, cultural e política do planeta e, sobre todo, que Europa poda ter un papel determinante na construción dun futuro pacífico para a humanidade.

Cada ano escóllese un lema para o día de Europa. Este ano é "Eleccións Europeas, sete de xuño. Ti elixes". Un recordatorio de que Europa a construímos entre toda a cidadanía, tamén a través do noso fundamental dereito político que é o dereito ao voto. Unha responsabilidade e unha ocasión de seguir ampliando e superando o vello soño humanista.

Lugo, unha das cidades máis antigas de Europa, fundada por outra cidade europea, un dos centros da primeira e máis antiga construción de Europa conseguida a través do Camiño de Santiago, quere unirse a celebración deste día, conxuntamente con miles de cidades e institucións de toda a Unión. Facémolo dentro das vellas murallas romanas, hoxe Patrimonio da Humanidade, que poden ser un símbolo das antigas diferencias, divisións e separacións entre os europeos, pero que agora, xa abertas, son da unidade e da solidariedade entre os pobos. Facémolo celebrando que somos europeos, que participamos dunha cultura común pero tamén sabendo que temos unha cultura e unha lingua propia que enriquece a Europa.