Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O violoncello, protagonista do vindeiro concerto do Festival de Música Cidade de Lugo, XXXVII Semana do Corpus


# Luns, 11/05/2009
O evento terá lugar mañá martes a partir das 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia

Comeza unha nova semana do Festival de Música Cidade de Lugo cun concerto dedicado ao violoncello na sede da Fundación Caixa Galicia o martes 12 de maio.

A variada oferta de música de cámara desta trixésimo sétima edición do festival inclúe un concerto para frauta (xa celebrado), un dúo de violín e piano e este concerto para violoncello na que se rende homenaxe ao mundialmente famoso cellista catalá Pau Casals. O protagonista do concerto é Thomas Piel, cellista alemán membro da orquestra compostelá, a Real Filharmonía de Galicia, e mestre en distintos centros como a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e a Escola de Música Berenguela e de cursos como Música en Compostela. Thomas Piel é un músico sensible e entusiasta moi sensibilizado coa difusión dos temas máis variados relacionados coa historia e a interpretación co seu instrumento, o violoncello, unha parcela do seu traballo que o levou a realizar conferencias e recitais como o que terá lugar mañá dedicado a un dos músicos máis universais que dou o noso país, Pau Casals.

O programa inclúe obras relacionadas cos traballos como intérprete e profesor de Pau Casals. Estas obras son da compositora francesa Graciane Finzi (o seu Tema e variacións sobre El Cant dels Ocells, a famosa canción popular catalá coa que Pau Casals remataba todos os seus concertos), do compositor natural de Villafranca del Bierzo Cristóbal Halffter (a obra para violoncello só titulada Solo - Canto dun paxaro ferido tamén baseada sobre El Cant dels Ocells) e de Gaspar Cassadó (cellista e compositor catalá que foi un privilexiado alumno de Pau Casals e do que Thomas Piel interpretará a súa Suite para violoncello só).

O concerto comezará ás 20:30 horas e a entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

O festival traerá esta semana outras interesantes citas, ambas no Círculo das Artes, como a gala operística protagonizada polo barítono Carlos Chausson e a soprano Rocío Ignacio o xoves 14 e o concerto de violín e piano de Massimo Spadano e Alexander Schmalcz o venres 15.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova