Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Ballet Folklórico Nacional de Cuba actúa no Auditorio Municipal Gustavo Freire


# Luns, 11/05/2009
O espectáculo englóbase dentro da programación cultural desenvolvida polo Concello de Lugo e Caixanova

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A programación cultural desenvolvida polo Concello de Lugo e Caixanova ao longo do primeiro semestre do ano continúa mañá martes 12 de maio coa actuación do Ballet Folklórico Nacional de Cuba.

A agrupación de baile chegará ao Auditorio Municipal Gustavo Freire, despois do seu paso polo Coliseum da Coruña o pasado 24 de abril, para interpretar pezas coreográficas da tradición de danza e música cubana. Na súa actuación os bailarines cubanos presentarán ante o público lucense 'La raíz y el tiempo', 'Dahomeño', 'Eshu' e 'Ayaba. Pas de Deux', do coreógrafo Manolo Micler; 'El río y el monte', de Alberto Méndez; 'Cocon-congueando', de Lizt Alfonso; e 'Dichosos los que bailan', de Isidro Rolando. Ademais, a formación interpretará dúas rumbas 'Ave María, la rumba', do coreógrafo Pancho González e 'Rumberos', de Manolo Micler e a peza 'Rezo a Obatala'.

Por outra banda, o ballet realizará unha homenaxe a un dos fundadores da danza moderna cubana, Santiago Alfonso, que incluirá as pezas 'El mar y Yemayá', 'Danza de los esclavos', 'Olokun. Pas de Deux', 'Danza Arara', 'Son de la Mateodora. Anónimo tradicional', 'Danzón Barroco', 'Del son a la timba' e 'Obatalá Ayáguna'.

O Ballet Folklórico Nacional de Cuba xurdiu para satisfacer unha necesidade de primeira orde dentro do patrimonio nacional, xa que Cuba non posuía unha institución capaz de recompilar as manifestacións dancísticas e musicais de carácter nacional para integralas de forma definitiva nos novos programas da cultura.

O prexuízo e o abandono oficial de pasados rexímenes provocaran que o pobo cubano descoñecera as súas propias manifestacións folklóricas, a pesar da riqueza extraordinaria que se atesouraba en  todos os recunchos da illa. A revalorización e divulgación dese acervo cultural é un dos fins fundamentais desta compañía, pois soamente desta forma lograrase unha verdadeira cultura que reflicte a realidade histórica do pobo.

Ao longo de máis de 47 anos de existencia foron os embaixadores da cultura cubana nos máis importantes escenarios e ante os públicos máis diversos de Europa, África, Asia e América. Máis de 80 xiras internacionais avalan o seu altísimo valor artístico e profesional.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova