Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus continúa co ciclo dedicado á lírica


# Mércores, 13/05/2009
A cita será mañá xoves 14 de maio ás 20:30 horas no Círculo das Artes

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus continúa coa segunda entrega dedicada á lírica que tras o magnífico concerto dedicado á opereta protagonizado pola mezzosoprano vienesa Alexandra Rivas, centra agora a súa atención na ópera.

Por mor dunha enfermidade o baixo aragonés Carlos Chausson non poderá viaxar e cantar por primeira vez en Lugo, polo que será substituído por un cantante de gran experiencia nos teatros de ópera como é o baixo menorquín Simón Orfila.

Orfila formouse na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid, onde foi alumno de Alfredo Kraus, e dende aquela adquiriu unha sobresaínte experiencia en moitos dos máis prestixiosos teatros de ópera europeos (Berlín, Roma, Munich, Barcelona, Florencia, Nápoles, Lisboa, Turín, Madrid, etc.). O mes pasado debutou na Scala de Milán cantando a ópera Il viaggio a Reims de Rossini, da que cantará unha aria no concerto en Lugo, e proximamente debutará na Ópera da Bastilla de París.

Cantando xunto a Simón Orfila estará a soprano sevillana Rocío Ignacio, unha das voces máis prometedoras da nova xeración de cantantes españois que foi premiada en diferentes concursos e recentemente gañou o prestixioso Concurso de Canto Cidade de Logroño.

Dous mestres da ópera italianos, Gioacchino Rossini e Gaetano Donizetti, ocupan cada unha das partes deste vistoso e fermoso concerto dedicado á ópera belcantista e no que se poderán escoitar arias e dúos de óperas cómicas tan coñecidas como O barbeiro de Sevilla e Il viaggio a Reims de Rossini ou L'elisir d'amore de Donizetti e óperas serias mestras como Semiramide de Rossini e Ana Bolena e Lucia di Lammermoor de Donizetti.

Simón Orfila e Rocío Ignacio estarán acompañados ao piano por un habitual do festival, o pianista vasco Rubén Fernández Aguirre (acompañante de grandes figuras do canto como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Cristina Gallardo-Dômas, Isabel Rey, etc.).

O concerto comezará ás 20:30 horas e a entrada será gratuíta como é habitual no festival ata completar o aforo do local.

As seguintes citas do festival serán concerto de violín e piano de Massimo Spadano e Alexander Schmalcz , o venres 15 no Círculo das Artes, e o segundo dos concertos do Corpus dos Nenos, o sábado 16 tamén no Círculo das Artes.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova