Imprimir

SPADANO E SCHMALCZ, OS SEGUINTES PROTAGONISTAS DO FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO XXXVII SEMANA DO CORPUS


14/5/2009 O concerto dedicado á música de cámara terá lugar o venres 15 de maio ás 20:30 horas no Círculo das Artes

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus chega ao seu ecuador co terceiro concerto dedicado á música de cámara na que, tras os concertos dedicados á frauta e ao violoncello, chega agora a vez do violín e o piano.

Os protagonistas deste noveno concerto do festival que ten lugar o venres 15 de maio son o violinista italiano Massimo Spadano e o pianista alemán Alexander Schmalcz. Ámbolos dous son prestixiosos músicos e atesouran unha gran experiencia e fructíferas carreiras internacionais. O italiano Massimo Spadano é concertino (primeiro violín) da Orquestra Sinfónica de Galicia e director e fundador da Camerata Anxanum e da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia. Colabora tanto con orquestras sinfónicas como con prestixiosas agrupacións de instrumentos orixinais como Les Concerts de Nations de Jordi Savall, O Ensemble Zefiro de Alfredo Bernardini, o Ensemble Baroque de Limoges de Christophe Coin, etc. e atesoura unha moi ampla discografía tanto neste campo como no da música de cámara.

Alexander Schmalcz, natural de Dresde, actúa regularmente nos auditorios e salas de concerto máis importantes de Europa, América e Xapón, os seus próximos compromisos inclúen actuacións en Viena, Berlín, Praga e Salzburgo. É un pianista especializado na música de cámara e no acompañamento de cantantes (labor que desempeña xunto a grandes cantantes como Matthias Goerne, Peter Schreier, Grace Bumbry ou Eva Mei).

Massimo Spadano e Alexander Schmalcz xúntanse para preparar especialmente para o noso festival este variado programa dedicado ás sonatas para violín e piano do Clasicismo e do Romanticismo. No concerto poderán escoitarse catro fermosas sonatas para piano de autores tan senlleiros da historia da música como Ludwig van Beethoven, Joseph Haydn, Johannes Brahms e Robert Schumann.

O concerto comeza ás 20:30 h. e a entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

As seguintes citas do festival son o segundo dos concertos do Corpus dos Nenos, o sábado 16 tamén no Círculo das Artes, e a importante cita coa música contemporánea galega no monográfico dedicado ao compositor coruñés Paulino Pereiro que terá lugar na Fundación Caixa Galicia o próximo luns 18 de maio