Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta os actos do IV Día do Emprendemento


# Venres, 15/05/2009
A xornada terá lugar o vindeiro martes 19 de maio no Centro de Empresas e Innovación

Imaxe Asociada

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Vicerreitora Adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda Castañón, o Presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, e o Presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios, Santiago Seijas, presentaron o programa dos actos de celebración do IV Día do Emprendemento, no que tamén participa a Cámara de Comercio de Lugo.

O completo programa organizado polo Concello de Lugo, que se celebra por cuarto ano no edificio do CEI-NODUS, terá lugar o vindeiro día 19 de maio a partir das 9:30 horas. Con estas actividades e relatorios o Concello de Lugo, pon un ano máis as instalacións municipais do CEI-NODUS situadas no cuartel de Garabolos a disposición do emprendemento e das novidades empresariais. Todos os responsables destacaron a importancia de traballar en equipo para sacar adiante os proxectos.

A Concelleira destacou que “Lugo é unha cidade privilexiada ao contar con tres viveiros de empresas que funcionan con éxito, e aos que queremos dar un pulo para que cada vez sexan máis os mozos e mozas os que se animen a crear as súas propias empresas”. Ademais Méndez explicou que “este día é unha xornada lúdica coa que pretendemos trasladar un espíritu de optimismo fronte a difícil situación económica actual e, por iso, a maioría das conferencias versarán sobre como converter a crise nunha oportunidade”.

Programa

Das 9:30 ás 10:00 horas: Recepción de asistentes e entrega de documentación.

Das 10:00 ás 12:00 horas: Pegando o salto, a cargo de emprendedoras e emprendedores de éxito: Jacobo Lázare, creador de Discoazul e BidoBido.com, Alejandro Campo, socio fundador de SCA Informática, S.L., Sergio Martínez Alonso, socio e presidente de Innolact, S.L., Ignacio Crecente, xerente de Alenti, soluciones para eventos, S.L.U., e Carlos Cesteros, promotor de Urbestock. Esta mesa redonda que terá lugar no salón de actos do CEI-NODUS, estará moderada por Rodolfo Ojea, director do viveiro da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.

Das 12:00 ás 12:30 horas terá lugar o acto inaugural, a cargo das autoridades.
Salón de actos do CEI-NODUS.

O salón de actos do CEI acolle, das 12:30 ás 14:00 horas "O Espectáculo de Emprende", a cargo de Lotfi El-Ghandouri, colaborador de “Le Cirque du Soleil”, fundador de Creative Society, consultora especializada en capital humano, e autor dos libros El despido interior e ¿Te atreves?. O relatorio será presentado por José Luis Villaverde Acuña, director asociado do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ás 14:15 horas celebrarase un catering artístico, a cargo de “Las Cacerolas de Javi”.

A partir das 16:30 comezará outra conferencia baixo o título Xestionando a ilusión: como liderar e motivar eficazmente en tempo de crise, a cargo de Emilio Duró Pamies, socio fundador de Iter Consultores, empresa líder en asesoramento a empresas. Dende hai máis de 20 anos, Duró traballa como  consultor e formador nas primeiras empresas do país en diversos sectores, ademais de ser un conferenciante internacional de prestixio. Dedica unha parte importante do seu tempo ao estudio da aprendizaxe nas idades máis tempranas. É un fervente convencido de que é na familia e durante os primeiros anos de vida, cando se desenvolven os aspectos máis importantes da personalidade e dos factores que determinan o comportamento futuro do individuo. Isto permítelle demostrar a través de experiencias e anécdotas que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si ao desenvolvemento emocional.

Este relatorio contará coa presentación de Santiago Seijas Alfonso, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo).

Das 18:30 ás 20:30 horas terá lugar a mesa redonda Aprendendo das empresas campionas, a cargo de Lina Solla, xerenta do Grupo Linamar, Juan Carlos Fouz, Conselleiro Delegado do Grupo Izo System, e Rafael Reija, xerente e propietario de Arenal Perfumerías. Este coloquio estará moderado por Luís García Santalla, presidente da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.

Como nos últimos anos ás 20:30 horas terá lugar a clausura da xornada cun acto de recoñecemento dedicado á segunda promoción emprendedora saínte do viveiro de empresas do CEI-NODUS.

Nesta xornada, como se pode comprobar no programa, terán un gran protagonismo as empresas xurdidas do viveiro da Fundación CEL, iniciativas por Lugo, e as empresas instaladas actualmente no CEI-NODUS, do Concello de Lugo.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova