Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo continúa cun concerto dedicado á música de cámara de Paulino Pereiro


# Domingo, 17/05/2009
Será o luns 18 de maio na Fundación Caixa Galicia

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus presenta unha importante cita coa música galega actual cun concerto integramente dedicado a Paulino Pereiro. Conscientes da obriga da difusión da música dos compositores galegos dos nosos días, o festival inclúe este concerto monográfico centrado na música de cámara, na música de salón para cuarteto de cordas, de Paulino Pereiro.

O concerto, que se celebra na Fundación Caixa Galicia o mañá luns 18 de maio, suporá a estrea mundial de oito obras de Paulino Pereiro. No concerto interpretaranse quince pezas breves nun único movemento escritas para cuarteto de cordas que están baseadas, coa excepción dunha obra inspirada nun preludio e fuga de Bach, en temas tradicionais de diferentes países e rexións de Europa (Alemaña, Francia, Escocia, Irlanda, Portugal), e de Asia (Vietnam e Nepal). Entre elas ocupan un lugar preferente as pezas sobre melodías tradicionais galegas de diversos tipos: pandeirada, alalá e pasodobre.

Nado en 1957 na Coruña e residente en Ferrol, Paulino Pereiro é un dos compositores galegos máis activos cun amplo catálogo que, na actualidade, consta de 184 obras e inclúe música sinfónica, de cámara, teatral e cinematográfica. Pereiro compaxina esta labor como compositor coa de escritor e profesor e na actualidade é presidente da Asociación Galega de Compositores.

As obras serán estreadas e interpretadas pola agrupación da nosa terra máis preocupada pola difusión da música dos compositores galegos. O Grupo Instrumental Século XX e un grupo de gran nivel e moi recoñecido no campo da música contemporánea que foi creado en 1996 por Florian Vlashi, violinista albanés residente dende hai 17 anos na Coruña, onde forma parte da Orquestra Sinfónica de Galicia. Os membros do Grupo Instrumental Século XX neste concerto son os violinistas Florian Vlashi e Mirela Lico, o violista Luca Pozza e a cellista Rediana Lukaçi.

O concerto comeza ás 20:30 horas e a entrada é gratuíta (ata completar o aforo do local) como é habitual no festival.

A seguinte cita do festival é o recital do pianista portugués Artur Pizarro, que actuará no auditorio do Conservatorio Profesional de Música o próximo xoves 21 de maio.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova