Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na inauguración da exposición Ramón Piñeiro: olladas no futuro


# Venres, 15/05/2009
A exposición pode verse na sala de Exposicións do Uxío Novoneyra

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou na inauguración da exposición Ramón Piñeiro: olladas no futuro que dende o venres 15 de maio e ata principios de xuño, se poderá ver na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.

No acto estivo presente ademais o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, Víctor F. Freixanes, que presentou o acto, Henrique Monteagudo, en representación dos comisarios da exposición, un irmán de Ramón Piñeiro representando á familia, Benxamín Casal, vicepresidente de Editorial Galaxia, Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente da Fundación Penzol, Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega e Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega.

Trátase dunha mostra coa que se propón ao público achegarse á personalidade dun home que puxo a súa vida ao servizo da reconstrución da identidade de Galicia e da dignificación da súa cultura.

Ramón Piñeiro naceu en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e faleceu en Santiago en 1990. Tivo unha gran influencia en xeracións de galeguistas, logrou, segundo a Real Academia Galega, que o galego superarse a cualificación de lingua rural ou poética na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois de postguerra.

A RAG tamén se refire á labor ensaística de Ramón Piñeiro, recollida parcialmente nos libros "Olladas no futuro", "Galicia", "A linguaxe e as linguas" ou "Lembrando a Castelao", que reflicten os eixos fundamentais do seu pensamento e destacan a necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo.

Como director literario da editorial Galaxia, tamén contribuíu á publicación de numerosos libros en galego e encheu un baleiro "como ningunha outra institución", nos anos anteriores á transición democrática.

Piñeiro tamén destaca como animador cultural galeguista, ante o que a RAG cita actividades tan singulares como a colección Graal e a Revista Galega de Cultura, que recolleu a maioría do traballo ensaístico galego da postguerra.

Igualmente, a Real Academia Galega recorda que foi elixido en 1967 como membro numerario desta propia institución, á que se incorporou cun discurso sobre a linguaxe e as linguas.

Tamén participou na creación do Consello da Cultura Galega no ano 1983 e foi o seu primeiro presidente, cargo que ocupou ata a súa morte.

Ramón Piñeiro está considerado como o persoeiro máis influente, decisivo e discutido da cultura galega recente. Coñeceuse como o filósofo da saudade e este ano a Real Academia decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova