Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pon en marcha o Observatorio Urbano que garante a transparencia na información


# Luns, 18/05/2009
Cinco traballadores e traballadoras estiveron a desenvolver o proxecto que estará a disposición da cidadanía no portal web municipal

Imaxe Asociada

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, fixeron hoxe balance do traballo que están a realizar os cinco traballadores e traballadoras que dende o mes de xullo do 2008 puxeron en funcionamento o proxecto do Observatorio Urbano de Lugo. Neste proxecto están a participar: un enxeñeiro técnico forestal, un técnico superior en desenvolvemento de aplicacións informáticas, un técnico superior en fotografía artística, e dous auxiliares administrativos.

Este proxecto, financiado con fondos europeos a través da Consellería de Traballo, ten como obxectivo “crear un sistema de indicadores que identifiquen a realidade física urbana da nosa cidade, contendo todos os datos xeográficos e físicos do municipio de Lugo e servirá para facilitar a toma de decisións e avaliar a execución do presuposto do Concello garantindo un gasto racionalizado e eficaz”, segundo explicou a Concelleira de Economía e Emprego.

Este proxecto inclúe a creación dunha base de datos vinculada a un fondo dixital documental que garantirá a comunicación inmediata entre o Concello e a cidadanía. Este constitúe o primeiro resumo estadístico por medio de indicadores sociais, económicos e ambientais que homologa a Lugo co resto de grandes cidades españolas. A existencia de información veraz e actualizada é a base dunha programación eficaz e sostible, de aí a importancia de contar cun instrumento como o “Observatorio Urbano” que permita coñecer a situación municipal dende o punto de vista económico, social e ambiental a través dos 156 indicadores que contén. “Desta información poderá beneficiarse toda a cidadanía mediante a súa publicación no portal web do Concello de Lugo”. Poderá accederse á información que se irá actualizando permanentemente a través do apartado de Contorna Económica dentro de www.lugo.es.

Este proxecto permítelle ao Concello de Lugo cumprir de maneira anticipada co proxecto “Urban Audit”, posto en marcha polo Instituto Nacional de Estadística por encomenda do Senado. Ó incluír os 53 indicadores que utiliza o INE para analiza-la realidade das principais cidades españolas, Lugo cumpre cos obxectivos deste proxecto derivado da Comisión Europea.

Principais resultados do Observatorio Urbano:

Toda a información recabada polo “Observatorio Urbano” organízase xerarquicamente en nove dominios, 25 epígrafes e 156 indicadores. A presentación desta información lévase a cabo mediante a elaboración de 156 fichas - resumo.

Un aspecto importante deste proxecto é a recopilación nunha única base de datos das referencias máis destacables que sobre o Termo Municipal de Lugo existen nos diferentes departamentos do Concello así como noutras Administracións e Institucións.

A Concelleira de Servizos Xerais explicou que algúns dos principais resultados do Observatorio Urbano baséanse nas áreas:

  • Demografía.
  • Aspectos sociais e de traballo.
  • Participación Social
  • Educación e formación
  • Medio Ambiente
  • Comunicación, transporte e sociedade da información
  • Cultura e Ocio

Zarzuela explicou que “ao estar colgado na páxina web do Concello de Lugo será de fácil acceso para todos”. Pola súa banda Méndez lembrou que se trata de “unificar os datos, obxectivos que a actividade municipal sexa o máis transparente posible acudindo a unha única fonte”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova