Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo estuda a implantación de autobuses híbridos na liña que irá ao novo hospital


# Luns, 18/05/2009
O Concelleiro de Protección da Comunidade explicou que o Plan de Mobilidade determinará as novidades relacionadas co transporte na cidade

Imaxe Asociada

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, deu conta das iniciativas plantexadas polo equipo de goberno na Comisión Permanente Ordinaria de Asuntos e Servizos Xerais, relacionada co tráfico na cidade.

José Rábade anunciou ante os membros da citada Comisión, que os técnicos municipais están a estudar a implantación de autobuses híbridos na liña que irá ata o novo hospital cando entre en funcionamento.

Trátase dun modelo pioneiro en España e realizado en Galicia, que se fixo adaptándoo ás cidades con centro histórico, por iso ten un tamaño inferior ao dos buses normais, mide 9,5 metros de longo por 2,25 metros de ancho.

É un autobús accesible, con suspensión neumática, propulsado por dous motores eléctricos que se alimentan de baterías de alto rendemento de sodio cloruro. Pode funcionar de modo totalmente eléctrico e a súa contaminación e emisións son nulas ademais de ser silencioso.

Tal e como adiantou o responsable de Transportes, os técnicos do Concello están facendo un estudo para determinar se compensa economicamente a compra destes novos modelos, tendo en conta que neste momento xa se decidiu a adquisición de dous novos vehículos. Segundo os datos facilitados pola empresa subministradora, a redución do consumo pode chegar á metade dun autobús de gasóleo, xa que recuperan enerxía ao frear.

Rábade tamén deu conta dos acordos adoptados coa anterior Xunta de Galicia en relación co Transporte Metropolitano. En febreiro deste ano, o equipo de goberno enviou a súa adhesión ao Protocolo da Xunta, que recollía o convenio de colaboración para desenvolver conxuntamente este transporte na área de Lugo, á que estaban adheridos oito concellos (Lugo, Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade).

Este convenio incluía:

  • as paradas que serían para liñas interurbanas e urbanas
  • o incremento na oferta de liñas tanto de interese municipal como metropolitano
  • que o sistema de cancelación para os buses urbanos sería asumido pola Xunta de Galicia
  • o establecemento da tarxeta metropolitana
  • os niveis de prezos por sistema de bono
  • un importe de 300.000 euros nos dous primeiros anos do convenio para a instalación de marquesiñas.

O equipo de goberno anunciou na Comisión que dará ao novo equipo da Xunta de Galicia un tempo prudencial para que se adapten ao seu novo traballo, pero que logo esixirá que cumpran os compromisos adoptados con esta cidade.

Outro dos puntos da orde do día foi o relacionado co servizo autonómico Tes + Bus, que permite o uso de autobuses escolares nalgunhas parroquias do concello de Lugo. Nos seis meses que leva en marcha, fixeron uso del preto de 1.200 usuarios, o que supón uns datos moi positivos sobre o funcionamento deste servizo.

En canto ás peonalizacións, o responsable de Tráfico explicou que xa se fixeron as de Aviador Parga Cerezo, Soto Freire, Nemesio Cobreros, Vía Romana, Rúa da Xesta e Rúa Menorca. Tamén lembrou que están previstas as da Praza do Ferrol e de San Marcos (esta última incluída no Plan Urban), que virán recollidas no Plan de Mobilidade do que o Concello recibirá unha proposta completa a mediados de xuño.

As zonas 30 foi outro dos temas expostos na Comisión. José Rábade aclarou as dúbidas dos representantes dos grupos da oposición, e explicoulles que o novo Plan entra profundamente neste tema, incluso plantexa a existencia de zonas 10. Mentres non se estude a proposta, os técnicos municipais recomendan a instalación de novos coxíns europeos en zonas como Augas Férreas, Recatelo, Colonia Irmáns Pedrosa, Magoi, Casas Baratas, Barrio da Cheda e Praza da Milagrosa.

En canto á seguridade viaria, en Angelo Colocci e Rúa Lavandeira, os informes técnicos indican que a instalación de semáforos nesta zona o único que faría sería ralentizar o tráfico e provocar retencións que afectarían máis á Avenida da Coruña. Polo tanto, plantexan como alternativa a posibilidade de ordear a rúa Lavandeira no tramo que vai dende a Avenida da Coruña ata Angelo Colocci en sentido único, e a eliminación dos xiros á esquerda.

En Armórica con Aviación Española, decidiuse a instalación de redutores de velocidade.

En Doutor Gasalla con Anduriñas, decidiuse o cambio na preferencia pasando a ter preferencia o vehículo que ven por Doutor Gasalla.

En Lamas de Prado, Alfredo Brañas e Juana la Loca decidiuse a instalación de redutores de velocidade, e manter os estudos para comprobar se no futuro se fai necesaria a instalación de semáforos nesta zona.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova