Imprimir

O ALCALDE DE LUGO INAUGURA O IV DÍA DO EMPRENDEMENTO ORGANIZADO POLO CONCELLO LUCENSE


19/5/2009 López Orozco e a Concelleira de Economía e Emprego presentaron o inicio da xornada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, o Presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, a Vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda, e o Presidente da Cámara de Comercio, Alfredo Mosteirín, inauguraron a cuarta edición do Día do Emprendemento organizado polo Concello de Lugo nas instalacións do CEI-Nodus.

Trátase dunha iniciativa xa consolidada polo goberno local que cada ano atrae á cidade a algúns dos emprendedores máis punteiros do panorama internacional que explican as súas vivencias aos novos emprendedores lucenses.

O Alcalde lucense destacou a importancia de que iniciativas coma esta “se manteñan na práctica os 365 días do ano, emprender ten que formar parte da vida dos novos empresarios”.

Para López Orozco, é a xente con iniciativa “a que comeza un camiño e continúa por el, a que se pon o mundo por monteira e se enfronta, a que consegue que as situacións cambien. Xa pasamos moitas crisis, agora estamos inmersos nunha crise internacional, pero sairemos dela. Son optimista porque hai persoas que demostraron que son capaces de cambiar o curso da historia”.

Esta xornada, que conta cunha extraordinaria demanda, de feito nesta edición foi necesario habilitar unha nova sala para acoller a todos os participantes, comezou ás 10 da mañá e rematou ás 20.30 horas.

Das 10:00 ás 12:00 h
“Pegando o salto”, a cargo de emprendedoras e emprendedores de éxito:

Jacobo Lázare, creador de “Discoazul” e “BidoBido.com”.

www.discoazul.com e www.bidobido.com
Bidobido é unha plataforma loxística que permite comprar e vender en tempo real todo tipo de produtos, cun procedemento de cobro que se efectúa directamente contra o banco (como se fose coa tarxeta nun terminal TPV, co que non hai posibilidade de copia dos datos) e coa recepción do produto no domicilio do usuario en 24 horas dende o aboamento do importe.

Alejandro Campo, socio fundador de “SCA Informática, S.L.” *

www.sca-informatica.com/nos/
"SCA Informática, SL", ven de desenvolver e por en marcha o software dun portal comercial dunha famosa operadora móvil lowcost a nivel estatal. Outras aplicacións destacadas de xestión interna que ven de realizar tamén: para a empresa Sistemas Macrocopia, SL; o portal Xentedelemos.org para a Xunta de Galicia; recontos celulares para Africor Lugo; ou xestión de Congresos para Alenti, etc.

Sergio Martínez Alonso, socio e presidente de “Innolact, S.L.” *

http://www.innolact.es
Innolact é a primeira Empresa Láctea Galega especializada na fabricación de queixos de untar, en base a unha nova tecnoloxía de produción que inclúe o uso de materias primas da industria láctea, combinado coa utilización de novas tecnoloxías, dando lugar a obtención de novos produtos.

Ignacio Crecente, xerente de “Alenti, soluciones para eventos, S.L.U.” *

http://www.alenti.es/
Alenti é unha empresa de organización e xestión de eventos que ofrece aos seus clientes un servicio integral, que inclúe dende o asesoramento previo na planificación do evento, a súa organización e posta en marcha, ata a execución e remate do mesmo.

Carlos Cesteros, promotor de “Urbestock”. **

http://www.urbestock.com/index.php?fuseaction=public.page&m_id=1
URBESTOCK é un sistema que reúne todo o stock inmobiliario nacional que necesita ser diferenciado de xeito eficaz do resto de inmobles ou propiedades inmobiliarias que non precisan rebaixar as súas marxes comerciais ou saldar as súas ventas por motivo algún. Baséase nas carencias do sistema convencional para adaptarse á crise, permitindo acceder a todo o mundo a unha vivenda ao mellor prezo, dadas as novas condicións do mercado actual de desequilibrio entre a oferta e a demanda.

Modera: Rodolfo Ojea, director do viveiro da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.
Salón de actos do CEI-NODUS.

Das 12:30 ás 14:00 h
“O Espectáculo de Emprender”, a cargo de Lotfi El-Ghandouri, colaborador de “Le Cirque du Soleil”, fundador de Creative Society, consultora especializada en capital humano, e autor dos libros “El despido interior” e “¿Te atreves?”.
Presenta: José Luis Villaverde Acuña, director asociado do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Salón de actos do CEI-NODUS.

Ás 14:15 h
Catering artístico, a cargo de “Las Cacerolas de Javi”. **
Segundo andar do CEI-NODUS.

Das 16:30 ás 18:30 h
“Xestionando a ilusión: como liderar e motivar eficazmente en tempo de crise”, a cargo de Emilio Duró Pamies, socio fundador de Iter Consultores, empresa líder en asesoramento a empresas (http://www.iterconsultores.com).

Presenta: Santiago Seijas Alfonso, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo). Salón de actos do CEI-NODUS.

Das 18:30 ás 20:30 h
“Aprendendo das empresas campioas”, a cargo de Lina Solla, xerenta do Grupo Linamar (www.grupolinamar.com), Juan Carlos Fouz, Conselleiro Delegado do Grupo Izo System (http://www.izo.es), Rafael Reija,, xerente e propietario de Arenal Perfumerías (http://www.arenalperfumerias.com).
Salón de actos do CEI-NODUS.
Modera: D. Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.

Grupo Linamar:
Empresa que se dedica á comercialización de mariscos en mercados maioristas e cadeas de alimentación nacional (Alcampo, El Corte Inglés, Carrefour) e exporta a Francia, Alemania, Portugal e Italia. A súa fundadora comezou traballando como mariscadora e a día de hoxe a súa empresa conta con instalacións en Pontevedra e en Canarias. O Grupo Linamar está composto por: Mariscos Linamar S.L., Depuradora de Mariscos La Sirena S.L., Depuradora de Moluscos de Canarias, S.L., Mariscos Dorimar S.L. e Conxelados Glamcon S.L.
A súa xerenta, D.ª Lina Solla recibiu o premio de AJE Pontevedra no ano 2008.

Izo System
É unha sociedade de servizos independente, especializada na mellora da calidade na atención ao cliente. Xurdiu en 1996 coa fin de afrontar o reto de superar cada día as expectativas do usuario, implantando procesos que contribúan a fomentar a súa satisfacción e fidelización. A empresa é pioneira en España na implantación da estratexia CEM (Customer Experience Management)
Entre os seus clientes figuran nove das empresas que cotizan no IBEX 35: Bankinter, Gas Natural, Iberdrola, Corporación MAPFRE, Repsol, BSCH, Telefónica e Telefónica Móviles. Ademais, proporciona os seus servizos profesionais a American Express, Citibank, Bank of America, McDonalds, Vodafone, Orange e British Telecom, entre outras. Conta cun plantel de 300 traballadores.

Arenal Perfumerías:
Empresa creada en Lugo en 1976. A apertura da súa primeira tenda de apenas 50 metros cadrados nunhas galerías comerciais da cidade foi o modesto punto de arranque para unha cadea que se consolidou como un grupo especializado en distribución de perfumaría e cosmética, con máis de vinte tendas repartidas polas comunidades galega e castelán-lonesa.
A segunda xeración desta empresa tomou a testemuña dos fundadores para reforzar un modelo de negocio pioneiro na península e que baseou o seu éxito na proximidade e atención ao cliente, así como ofertas variadas de ata 50.000 artigos diferentes e integrou un equipo humano cualificado así coma unha renovación tecnolóxica.

Neste Día do Emprendemento participan ademais de grandes emprendedores de toda España, Empresas xurdidas do viveiro da Fundación CEL, iniciativas por Lugo e Empresas instaladas actualmente no viveiro do CEI-NODUS, do Concello de Lugo.

Algúns datos biográficos

Perfil de Lotfi El-Ghandouri

“Son un provocador de reflexións e un host de espazos de diálogo”. Así se define Lotfi El-Ghandouri, colaborador do internacional “Le Cirque du Soleil”

Tras acumular unha grande experiencia nas principais consultoras de Norteamérica e España en proxectos relacionados co desenvolvemento humano, Lotfi decidiu fundar o Grupo Creative Society, unha consultora especializada en impulsar organizacións con alma que opera en Canadá e en España.

O seu interese no desenvolvemento sostible levouno a co-fundar o primeiro centro de innovación social en España: Hub Madrid e de co-crear outros centros no mundo. The Hub é o espacio de emprendedores sociais máis recoñecido do mundo, con 20 cidades e máis de 500 demandas de apertura en só 4 anos.

É autor do best seller en España “El Despido Interior, del happy hour al happy life” (2007) e acaba de publicar a fábula “¿Te atreves?” (2009).

Licenciado en Marketing e Master en Comercio Internacional, Lotfi ten participado como conferenciante en foros tan prestixiosos como o X Congreso Mundial de RRHH (Río de Xaneiro), o Congreso Internacional de Formación e Desenvolvemento do ASTD (Washington) e o ExpoManagement (Madrid).

Os seus campos de investigación e de actuación son principalmente a confianza, a diversidade, a entrega, a forza interior, a innovación, o risco e a incertidume. Lotfi é tamén recoñecido polas súas capacidades de facilitador de espazos de diálogo, de reflexión e de co-creación.

Ten colaborado con diversas organizacións para a transformación organizacional en diferentes sectores, coma o artístico, o do entretemento e o tecnolóxico. Pódese destacar a colaboración con “Le Cirque du Soleil”, onde Lotfi tivo a oportunidade de participar en proxectos relacionados coa xestión da diversidade, a creatividade e o risco.

Colabora como conferenciante en diferentes universidades e escolas de negocios a ambos lados do Atlántico. Domina catro idiomas (español, inglés, francés e árabe), sendo un dos relatores máis demandados a nivel internacional en temas de management, liderado e motivación.

Perfil de Emilio Duró Pamies

Emilio Duró Pamies é Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE) e Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidad Autónoma de Barcelona.

Foi profesor Colaborador de distintas Universidades, como a Fundación Universidad-Empresa da Universidade de Navarra, Pompeu Fabra, Escola De Negocios de Caixavigo, Universidade de Granada...

Traballou como directivo en empresas nacionais e internacionais como Coopers & Lybrand, Martini & Rossi e Yoplait-ATO. É conselleiro externo de Riofisa e asesor comercial de Adolfo Domínguez. Na actualidade, e dende hai máis de 20 anos, traballa como consultor e formador nas primeiras empresas do país en diversos sectores, ademais de ser un conferenciante internacional de prestixio.

Emilio Duró dedica unha parte importante do seu tempo ao estudo da aprendizaxe nas idades máis tempranas. É un fervente convencido de que é na familia e durante os primeiros anos de vida, cando se desenvolven os aspectos máis importantes da personalidade e dos factores que determinan o comportamento futuro do individuo. Isto permítelle demostrar a través de experiencias e anécdotas que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e sí ao desenvolvemento emocional.

As entrevistas cos relatores tramitaranse a través do Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo, nos teléfonos: 982 297150 e 982 297137