Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na inauguración do 50 aniversario do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes


# Mércores, 20/05/2009
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou na inauguración dos actos de celebración dos 50 anos de existencia do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes, antigamente coñecido como Instituto Feminino.

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Ao acto asistiron diferentes autoridades, así como directores e directoras doutros centros da capital e os delegados e delegadas dos diferentes cursos do instituto.

Os 50 anos dedícanse ás mulleres que pasaron por este centro, ás que estudaron aquí e ás que impartiron docencia, por iso o lema escollido para este medio século de vida é De aulas de mulleres a mulleres nas aulas. Ao longo destes días haberá unha exposición de fotos antigas que explican a evolución deste centro,cun pasado tan extraordinario na formación da muller e a contribución ao seu posicionamento no mundo no que vivimos.

José López Orozco, subliñou “como profesor que son, o traballo extraordinario que fai esta profesión. Temos que ser conscientes da importancia que ten o traballar coa materia prima máis rica que ten o mundo: as persoas. Que satisfacción contribuír, mediante o coñecemento, a que unha persoa acade o obxectivo persoal que se marque”.

O Alcalde lucense quixo salientar ademais o transcendental papel que xogou este centro “na formación das mulleres, nun tempo no que era case impensable que unha muller accedese aos estudos. Cantas mulleres pasaron por este centro e hoxe recordan con ledicia os anos pasados. Ese é o mellor tesouro para un profesor”.

López Orozco quixo lembrar ademais a figura de Epifanio Ramos de Castro que foi Director do Xoán Montes e que lle tiña un cariño especial ao Feminino, “ensinoume a respectar a profesión e axudoume na miña formación como mestre”.

PRIMEIROS ANOS DO INSTITUTO NACIONAL FEMININO DE ENSINO MEDIO DE LUGO (De 1941 a 1958)

  • 20 de setembro de 1938 : publicación do Decreto-Lei que establece a separación por sexos no Bacharelato.
  • Orde Ministerial de 4 de outubro de 1939 pola que se autoriza a creación dun segundo Instituto para alumnas.
  • 30 de maio de 1941 : nomeamento dun Xefe de Estudos para o Instituto Feminino (compartía dirección co Instituto Masculino. Os dous estaban ubicados no edificio da Deputación).
  • 3 novembro de 1942: Gonzalo Valenti Nieto cadeirádego de Xeografía e Historia toma posesión do cargo de Director do Instituto Feminino, da man de Delio Mendaña director do Instituto Masculino por aquelas datas.
  • 1943. inícianse as obras de reforma do edificio de Conde Pallares alquilado ao Marqués de Ombreiro ao que se vai trasladar o Instituto Feminino.
  • 17 de xuño de 1944: aprobación polo claustro do nomeamento da Virxe dos Ollos Grandes como padroa do Instituto Nacional Feminino de Ensino Medio.
  • Curso 1955-1956: O centro pasa a denominarse Instituto Feminino de Ensinanza Medio Nosa Sra. dos Ollos Grandes na honra da padroa de Lugo.
  • 19 de maio de 1947: cesa como director Gonzalo Valenti Nieto e nomease provisionalmente a Daniel Sarandeses Rodríguez, director espiritual do centro.
  • 13 de outubro de 1947: Noméase Director a Alfredo Rodríguez Labajo
  • 1955: Luisa De Fraga é nomeada directora do centro.
  • Outubro de 1958 : O curso 58-59 inicia as súas clases no novo edificio da Avenida de Ramón Ferreiro.

Con este curso comezan os 50 anos de historia do Instituto Feminino en Lugo que hoxe se celebran.

DIRECTORES QUE TIVO ESTE CENTRO

  • D. Nicolás
  • D. Eduardo Sampayo
  • D. Claudio Castro Lage
  • D. Antón Castedo
  • D. Luis Sánchez del Valle Fraga
  • D. Luis Mendaña
  • D. Francisco Javier Rodríguez García
  • D. Xosé Ramiro Gayoso Neira



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova