Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O pianista Artur Pizarro actúa no Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus


# Mércores, 20/05/2009
Será o xoves 21 de maio no Conservatorio profesional de Música

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus presenta un dos seus momentos estelares, coa actuación do pianista portugués Artur Pizarro no auditorio do Conservatorio Profesional de Música.

O piano converteuse nunha das apostas máis firmes do festival nas tres últimas edicións, coa participación de reputados solistas que obtiveron un gran éxito nos seus concertos de presentación en Lugo, como o ruso Nicolai Lugansky ou os ingleses Paul Lewis e Joanna McGregor. E este ano continúa nesta liña coa presenza, co seu primeiro recital en Galicia despois de quince anos, de Artur Pizarro.

De corenta anos de idade, este pianista nado en Lisboa atópase nun gran momento de madurez interpretativa polo que é invitado a ofrecer recitais e concertos coas principias orquestas e baixo a dirección de insignes mestres como Charles Dutoit, Simon Rattle, Philippe Entremont, Esa Pekka Salonen, Yuri Termikanov, Libor Pesek, Vladimir Jurowski, Charles Mackerras, etc. A súa ampla produción discográfica inclúe gravacións para os selos Collins Classics, Hyperion, Harmonia Mundi, Naxos e Linn Records. Precisamente coa discográfica inglesa Linn Records publicou o seu exitosísimo compacto dedicado ás sonatas para piano de Beethoven e nos próximos meses editará un volume coa integral das obras para piano só de Maurice Ravel.

Artur Pizarro ofrecerá un vistoso e esixente programa, que require grandes doses de virtuosismo e estará formado por obras de Enrique Granados, Maurice Ravel.

O concerto comezará ás 20:30 horas, a entrada é gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.

A seguintes citas do festival terán lugar o sábado 23, cun intenso programa de actividades que inclúe a dobre sesión no Centro Cultural Uxío Novoneyra da última entrega do Corpus dos Nenos (o concerto para bebés a cargo de Resonet) e o singular espectáculo lírico do tenor Enrique Viana no Círculo das Artes.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova