Imprimir

O DELEGADO DO GOBERNO DE GALICIA VISITA POR PRIMEIRA VEZ E DE FORMA OFICIAL O CONCELLO DE LUGO


21/5/2009 Antón Louro destacou a boa relación persoal que ten dende hai anos co Alcalde lucense

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello a visita oficial do novo Delegado do Goberno de Galicia, Antón Louro.

Trátase do primeiro encontro oficial que manteñen dende o seu nomeamento, aínda que, como destacou o Delegado, a relación de amizade persoal vai moito máis aló.

López Orozco e Louro tiveron oportunidade de falar das numerosas obras que se están a levar a cabo na cidade de Lugo grazas aos investimentos que proveñen do Goberno central, e tamén daquelas que forman parte do Fondo Estatal de Investimentos Locais.

O tren de alta velocidade, a nova ponte ou as autovías foron outros dos temas que puxeron sobre a mesa os dous responsables institucionais.

Nese senso, López Orozco suliñou a importancia de que Lugo siga situada no mapa “por dúas ocasións o novo Presidente da Xunta prometeu que o tren de alta velocidade chegaría a Lugo e prometeu o financiamento da obra. Espero que o manteña”.

Pola súa banda o Delegado do Goberno destacou a importancia da colaboración e cooperación entre institucións para traballar pola cidadanía, “os gobernos deixan de ser dos partidos no momento no que a cidadanía os elixe. Estamos en política para servir á cidadanía”.

Louro, ademais referiuse á figura de López Orozco como “o gran promotor das obras estratéxicas que se están a facer en Lugo. Antes do seu inicio, todas pasaron pola cabeza do Alcalde. Foron ideas moi reflexionadas, con moitas xestións, e que encaixaron nas iniciativas do Goberno de España”.

O Delegado e o Alcalde tamén se referiron ao anuncio de máis de 5.000 millóns de euros para a posta en marcha do II plan Zapatero. López Orozco xa anunciou que “aí estará o Concello de Lugo para seguir traballando”.

Antón Louro foi recibido polo Alcalde e polos voceiros municipais e asinou no Libro de honra do Concello:

“En Lucus Augusti urbe con paisaxes de eternidade, portadora das mellores tradicións, impulsora de culturas e comprometidos co futuro dun país que quere ser moderno e vivir na contemporaneidade”.

O Alcalde fíxolle entrega dun libro sobre a Muralla Romana de Lugo.