Cargando....
Concello de Lugo
20/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Un concerto para bebés e a actuación do tenor Enrique Viana, as seguintes citas do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus


# Sábado, 23/05/2009
O programa pensado para nenos de 0 a 3 anos terá lugar no Centro Social Uxío Novoneyra o sábado 23 de maio en dúas sesións

A organización do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus preparou, en colaboración co grupo de música antiga compostelá Resonet, un programa especial pensado para bebés (e as súas familias), para nenos de 0 a 3 anos.

Titulado Canto de berce o concerto baseado no canto e nos instrumentos de cordas pulsada, campaiñas, axóuxeres e sonaxas inclúe músicas que naceron para acompañar a vida dende o primeiro momento. Cantos de berce galegos, sefarditas e populares misturadas con danzas populares e barrocas de Gaspar Sanz e de Santiago de Murcia forman o atrainte programa no que o grupo Resonet estará formado polo seu director Fernando Reyes (que tocará a tiorba e a guitarra barroca), pola soprano Mercedes Hernández e por Trinidad de Miguel (percusión e colascione).

Para este concerto de bebés programáronse dúas sesións: unha matinal ás 12:30 e outra pola tarde ás 18:00 horas. A entrada é gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.

Este é o ultimo dos tres concertos incluídos no Corpus dos Nenos desta trixésimosétima edición do Festival de Música Cidade de Lugo.

Pero este sábado 23 de maio tamén hai outra cita para o público máis adulto, o espectáculo lírico do tenor Enrique Viana

Como “un espectáculo lírico en dous actos e varias homenaxes” define Enrique Viana o seu persoal e singular espectáculo titulado Tenor, vivo… e ao vermello. Este tenor madrileño ideou e protagoniza un concerto no que cantará arias de ópera italiana e francesa de compositores como Bizet, Catalani, Halévy, Donizetti, Messager e da célebre opereta O país dos sorrisos de Franz Léhar.

Enrique Viana é un tenor especializado na ópera belcantista e na ópera romántica francesa que atesora unha gran experiencia con concertos e recitais por todo o mundo (Estados Unidos, Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, Bélxica, Portugal, Canadá, China, Corea, Filipinas, Arxentina, Cuba, Venezuela, Exipto, México, Chile, Hungría,...) que nos últimos anos concibiu e produciu espectáculos que tiveron gran éxito de público con grandes xiras por todo o país como A loucura dun tenor, A voltas coa zarzuela, Tardes con Donizetti, Rossiniana alta en calorias (que se puido ver hai oito anos en Lugo no marco do ciclo “Unha pequena historia da ópera” que organizaron a Universidade e o Concello) e este Tenor, vivo… e ao vermello que se presenta por primeira vez en Galicia.

Enrique Viana describe o espectáculo do seguinte xeito: “A través dun guión atraínte e simpático, un tenor decide renderlles homenaxe ás persoas, sentimentos e elementos da historia da nosa vida de hoxe, a música desprégase nalgunhas das grandes arias do repertorio lírico que teñen que ver con estas homenaxes. Símbolos agochados e evidentes desvélanse coa axuda do espectador e do diálogo que se abre en calquera intre, co pianista e co público. Un espectáculo irónico en clave de humor, conflitos e reflexións dende a mente dun cantante. Unha parodia do mundo da lírica, que invita a pensar, desmitificar e participar, unha visión rebelde e tenra da actualidade e a música”.

Ben coñecido do público lucense polas súas actuacións e conferencias Enrique Viana volve a Lugo e ao Círculo das Artes este sábado 23 de maio, nesta ocasión acompañado polo pianista vitoriano Daniel Oyarzábal.

O concerto comeza ás 20:30 horas e a entrada será gratuíta.

A próxima semana, o festival entra nun dos seus momentos álxidos no que homenaxeará a Haendel no 250º aniversario da súa morte con dúas citas do programa no Círculo das Artes como son o oratorio Il trionfo del Tempo e del Disinganno a cargo de La Risonanza e un dos grandes especialistas haendelianos do momento, o director italiano Fabio Bonizzoni (xoves 28 de maio), e un concerto dedicado ás cantatas de Haendel protagonizado pola soprano arxentina Verónica Cangemi e a o conxunto vienés Bach Consort Wien (sábado 30 de maio).




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova