Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus rende homenaxe a Haydn


# Luns, 25/05/2009
O concerto dedicado ao compositor austríaco terá lugar o martes 26 de maio na Igrexa de San Pedro

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus entra no seu tramo final no que se mantén o ritmo e o interese dos concertos. Tócalle a quenda a unha das efemérides musicais máis importantes deste ano 2009, o bicentenario da morte de Joseph Haydn.

A obra seleccionada para render homenaxe a este xenial compositor austríaco é a singular composición para cuarteto de cordas As sete últimas palabras de Cristo na Cruz que Haydn escribiu tras recibir en Viena un encargo chegado dende Cádiz onde se estreou en 1785 nun especial espazo de culto relixioso, a Santa Cueva. Este encargo a tan longa distancia que sen dúbida demostra a fama internacional do compositor no seu tempo.

Estas Sete últimas palabras de Cristo na Cruz serán interpretadas mañá martes 26 de maio na Igrexa de San Pedro polo Cuarteto de Cordas da Real Filharmonía de Galicia.

Este cuarteto está formado polos primeiros atrís da orquestra compostelá: os violinistas James Dahlgren e Grigori Nedobora, o violista Tilmann Kircher e o cellista Plamen Velev. Un conxunto de músicos chegados dende moi diferentes países (Estados Unidos, Rusia, Alemaña e Bulgaria) que xa hai máis de dez anos se mudaron a Santiago para desenvolver a súa actividade profesional na orquestra Real Filharmonía e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

O concerto comeza ás 20:30 horas e a entrada é gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

Durante esta semana, o festival entra nun dos seus momentos álxidos no que homenaxeará a Haendel no 250º aniversario da súa morte con dous interesantísimos programa no Círculo das Artes como son o oratorio Il trionfo del Tempo e del Disinganno a cargo de La Risonanza e un dos grandes especialistas haendelianos do momento, o director italiano Fabio Bonizzoni, o xoves 28 de maio, e un concerto dedicado ás cantantas de Haendel protagonizado pola mezzosoprano Katrin Wundsam e a o conxunto vienés Bach Consort Wien, o sábado 30 de maio.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova