Cargando....
Concello de Lugo
20/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus celebra o ano Haendel con dous concertos


# Mércores, 27/05/2009
Terán lugar no Círculo das Artes o xoves 28 e o sábado 30 de maio

O Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus chega a un dos seus momentos álxidos para celebrar o ano Haendel con dous concertos no Círculo das Artes esta semana.

O 2009 é un ano marcado, no musical, polas efemérides dalgúns dos compositores, dos xenios, máis sobranceiros da historia da música. Especial atención presta o festival a un dos grandes piares do Barroco no 250 aniversario da súa morte, Georg Friedrich Haendel, cuxa música enche tres dos grandes concertos, tres dos momentos estelares, desta trixésimosétima edición do Festival de Música Cidade de Lugo.

A primeira tivo lugar no concerto inaugural protagonizado polo Scholars Baroque Ensemble dedicado á música sacra haendeliana e precisamente outras dúas citas imprescindibles do festival terán lugar esta próxima semana.

Nos últimos anos, o festival ofreceu varias óperas e oratorios de Haendel que deixaron momentos de imborrable e impagable recordo –como o Rodrigo dirixido por Eduardo López Banzo que recentemente publicou en compacto a discográfica Naïve–, e este ano propoñe o seu fermoso primeiro oratorio, Il trionfo del Tempo e del Disinganno, na destra man dun dos directores máis preocupados pola difusión da obra de Haendel nos últimos anos, o italiano Fabio Bonizzoni, que estará acompañado polo seu grupo La Risonanza e un sólido reparto no que destaca a presenza da soprano catalá Nuria Rial. Será mañá xoves no Círculo das Artes ás 20:30 horas.

O sábado terá lugar o programa dedicado ás cantatas italianas do novo Haendel na voz da mezzosoprano austríaca Katrin Wundsam, que debuta en España cunha dramática e esixente cantata do período italiano do compositor alemán, La Lucrezia, e arias da súa ópera Xulio César, acompañada polo Bach Consort Wien, agrupación vienesa que debuta tamén en Galicia dirixida polo seu fundador Rubén Dubrovsky. A cita será o sábado 30 de maio a partir das 20:30 horas no Círculo das Artes.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova