Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo asina a constitución da Rede Mercurio para potenciar o traballo conxunto a favor do emprendemento e da actividade empresarial da provincia


# Mércores, 27/05/2009
Nace como unha forza impulsora e coordenada que suma esforzos pensando no beneficio plural da cidadanía

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Concello de Lugo é dende hoxe membro activo da coñecida como Rede Mercurio, unha iniciativa para o aproveitamento dos recursos materiais e humanos de Lugo e da súa provincia.

Forman parte dela entidades que están traballando en prol do emprendemento e da consolidación do tecido empresarial lucense como son: o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Universidade de Santiago de Compostela, a Confederación de Empresarios, a Cámara de Comercio, a Federación Galega de Comercio, o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, a Asociación de Jóvenes Empresarios, a Asociación de Mulleres Empresarias, a Asociación de Empresarios de O Ceao e a Asociación Galega de Empresas TIC.

Esta iniciativa conxunta, que aúna esforzos en materia económica e de emprego, busca evitar a infrautilización e optimizar os recursos cos que contan cada unha das organizacións da cidade.

Con este protocolo pretendese crear un compromiso a través do cal representantes e técnicos das institucións realicen accións conxuntas, encamiñadas nunha mesma dirección, a de conseguir que Lugo sexa unha cidade e unha provincia capaz de xerar emprego e riqueza para os seus habitantes.

A necesidade de colaboración, de traballo en equipo, foi subliñada polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, quen se referiu á necesidade de “plantexar estratexias, fixar metas e obxectivos, e deseñar actividades pensando sempre no beneficio plural da sociedade, e non na relevancia singular e individualista de cada entidade. Vivimos un momento económico e social no que se fai evidente a necesidade dun cambio de modelo, debemos traballar xuntos para facernos máis fortes”.

López Orozco lembrou que o Consello Europeo de Lisboa de marzo de 2000, falaba xa da necesidade de que a economía mundial se transforme “que se converta nunha economía baseada no coñecemento. Esa foi a meta que nos marcamos dende este equipo de goberno. Lugo debe competir por contar cos recursos humanos mellor formados. O coñecemento é o tesouro máis importante que posúe a humanidade e é obriga das institucións colaborar no seu fortalecemento”.

Esta Rede parte da premisa de que as institucións e os axentes económicos e sociais deben orientar as súas estratexias a favorecer o emprendemento para aproveitar as oportunidades. O mandatario lucense destacou que “é preciso xerar iniciativas de interese para Lugo, que favorezan o desenvolvemento da cidade e da provincia e que favorezan a creación e mantemento de emprego de calidade”.

O Presidente da Deputación coincidiu co Alcalde na necesidade de traballar de forma conxunta.”O importante é traballar en rede, xa que despois do 2013 os poucos fondos europeos que queden serán tecnolóxicos e de innovación, polo tanto é precisa a unión de todos”.

Esta iniciativa márcase ademais como obxectivos principais a innovación, as tecnoloxías de información e comunicación e o desenvolvemento dos sectores produtivos. A Rede Mercurio é en definitiva unha forza impulsora e coordenada que suma os esforzos das diferentes organizacións que favorezan a creación de novas empresas, de novos proxectos, de emprego de calidade e en consecuencia, de riqueza para toda a provincia.

Obxectivos da Rede Mercurio

A rede fíxase como obxectivos:

1.- Captar, promover, asesorar e apoiar a creación de novas iniciativas empresariais, baseadas na tecnoloxía, no coñecemento e na innovación como medida para o seu fornecemento.

2.- Poñer en marcha instrumentos de dinamización económica empresarial, que faciliten o acceso a recursos cualificados e a novas ideas que incorporen ás actuais empresas á sociedade do coñecemento e a innovación, a prol de acadar obxectivos como: a calidade, a modernización, a automatización de procesos, a apertura de novas liñas de produción/ou negocio e de novos mercados.

3.- Establecer fluxos de información e coñecemento, que contribúan a xerar mecanismos de xestión de intelixencia económica, que rachen coas barreiras á creación de empresas, contribúan á consolidación e crecemento sostido das existentes, afondando na cualificación dos postos directivos e implanten actitudes positivas respecto do espírito emprendedor, no marco da sociedade.

4.- Posibilitar canles de recepción e investimento de recursos en materia de emprendemento, formación e innovación procedentes doutros organismos.

5.- Xuntar esforzos, aproveitar sinerxias, formular e definir estratexias e liñas de acción co fin de acadar o obxectivo común de todos, a xeración de riqueza e benestar para a toda a sociedade.

6.- Facilitar a integración e/ou a adhesión doutras entidades cuxos fins e obxectivos sexan coincidentes cos da Rede Mercurio.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova