Imprimir

O FESTIVAL DE MÚSICA CIDADE DE LUGO REMATA A SÚA CELEBRACIÓN DO ANO HAENDEL CUN CONCERTO DEDICADO ÁS SÚAS CANTATAS


29/5/2009 A cita musical estará a cargo da mezzosoprano austríaca Katrin Wundsam

O penúltimo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus estará tamén dedicado a lembrar, a rendir merecida homenaxe, a Haendel no 250º aniversario da súa morte. Tras a música sacra no concerto inaugural do Scholars Baroque Ensemble e do oratorio Il trionfo del Tempo e del Disinganno éo turno dun dos xéneros musicais máis típicos do Barroco, o da cantata, no que Haendel deixou boa mostra do seu xenio e da súa incrible capacidade para dar vida musical a todo tipo de textos dramáticos e teatrais.

Entre as fermosas e dramáticas cantatas de Haendel, de gran potencial teatral, seleccionouse a coñecida La Lucrecia, e poderán escoitarse ademáis unhas sonatas e arias da ópera máis famosa de Haendel, o Julio César. Completa o programa a dramático e intenso Lamento de Ariadna de Claudio Monteverdi, sen dúbida un complemento ideal para este concerto.

Os protagonistas deste concerto son a mezzosoprano Katrin Wundsam (que substitúe á arxentina Verónica Cangemi que se viu obrigada a cancelar a súa presentación en Lugo por mor dunha operación cirúrxica á que tivo que someterse hai apenas unha semana) e o Bach Consort Wien. Katrin Wundsam é unha nova mezzosoprano austríaca, cun prometedor futuro por diante e chamada a realizar unha gran carreira profesional e seguro dará moito que falar nos próximos anos. Formada en Linz e Salzburgo, onde foi alumna de prestixiosos mestres como o baixo Robert Holl, a súa ascendente carreira xa a levou a debutar en prestixiosos escenarios como os de Bonn, Bregenz e Salzburgo. Este concerto no Festival de Música Cidade de Lugo supón o seu debut en España.

Fundado hai 10 anos (en 1999) en Viena, o Bach Consort Wien é un conxunto de solistas especialistas no Barroco que se converteu rapidamente nunha das máis destacadas formacións barrocas de Austría. Colaboran habitualmente con importantes solistas como Bernarda Fink, Carlos Mena ou Christophe Coin e xa se presentaron en importantes festivais europeos. Esta é a primeira actuación do Bach Consort Wien en Galicia. O seu director é o violoncellista arxentino Rubén Dubrovsky, que nos últimos anos está a desenvolver unha exitosa carreira como director que recentemente o levou a dirixir con gran éxito senllas óperas de Vivaldi e Martín y Soler en Bonn e Valencia.

O concerto comezará ás 20:30 horas. A entrada será gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.

O luns 1 de xuño clausurarase no Círculo das Artes este Festival de Música Cidade de Lugo coa versión de concerto da ópera Dido y Eneas de Purcell interpretada pola Capela Compostelana e o Coro da Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección de Miro Moreira.