Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo amosa a súa satisfacción por dous anos de goberno "vivo, que sabe escoitar aos lucenses"


# Venres, 29/05/2009
* López Orozco suliñou que as obras feitas son a mostra da xestión e destacou a capacidade de adaptación deste goberno aos cambios sociais


Imaxe Asociada
* O Alcalde dixo que o seu goberno é o do benestar social e o estímulo do emprego polo que están estudando aumentar as partidas de emerxencia social e as destinadas para PILES

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Deporte, Carmen Basadre, tratou de resumir o traballo realizado durante estes dous anos polo equipo de goberno.

Cun dossier de máis de 70 páxinas onde se resume parte da acción do goberno local, referiuse a obras e servizos postos en marcha polo seu equipo. “Este é un goberno que cre no estímulo do emprego e no benestar social. Soubemos adaptarnos ás demandas que a cidadanía fai en cada momento”.

Medidas de contención económica, incremento das partidas en formación e en benestar social, mellora das rúas, excelente xestión dos Fondos do Plan Zapatero…foron algúns dos aspectos que destacou o mandatario municipal durante a súa intervención.

López Orozco resaltou que este é o “Goberno do emprego e do benestar social. Un goberno vivo, que vive a cidade, que a sente porque estamos nela cada día, percorremos as súas rúas, falamos coa súa xente e tratamos de darlle resposta ás súas necesidades”.

Para o mandatario municipal as obras tanxibles son moi importantes, pero tamén as intanxibles, “os servizos para as persoas. Por iso pensamos nas familias, na mocidade e nos nosos maiores nos momentos que máis o necesitan”.

Os piares fundamentais do traballo local, tal e como destacou o responsable municipal, neste último ano foron “o estímulo do emprego e o incremento do gasto social todo o que sexa necesario”.

Nese senso anunciou que a Concellería de Economía está estudando o incremento das partidas destinadas a Emerxencia Social e o aumento de prazas nos proxectos de emprego PILES.

López Orozco referiuse tamén ás medidas de axuda ás familias adoptadas polo equipo de goberno, “é verdade que poñemos en práctica a nosa política, non a doutros partidos políticos. Conxelamos os impostos que máis lucenses pagan e incentivamos a instalación de empresas que creen emprego non a de empresas que facturen máis dun millón de euros, como quería algún grupo da oposición”

Referiuse tamén ao servizo de axuda no fogar, de comida a domicilio, de emerxencia social, para as persoas que teñen máis necesidades, “nós diferenciamos benestar social de caridade. Para isto último hai asociacións e entidades de prestixio que traballan moi ben, a caridade non é nin debe ser o papel do Concello que ten a obriga de prestar uns servizos sociais de calidade para toda a cidadanía”.

López Orozco tamén lembrou que o Concello de Lugo, de forma pioneira, estableceu un decálogo de medidas de contención entre as que se atopaba a conxelación dos soldos dos políticos e o control do gasto. “Decidimos ser moi rigurosos no control do gasto, pero non de todo. Este ano a opción foi incrementar o gasto social. É o que nos demanda a xente. E aí estamos, e aí estaremos”.

Rematou a súa intervención falando da necesidade de “cambiar o chip e pensar nun novo modelo de xestión, nun novo modelo económico. No que primen as persoas, no que prime o benestar, no que prime a formación. Cremos que é posible e Lugo conta coa mellor materia prima do mundo: unhas persoas, unha cidadanía de calidade”.

Suliñou que neste momento, o 70% do programa electoral, “que foi o noso contrato cos lucenses, está cumprido ou a piques de estalo” e ademais, xa se referiu á conclusión do I Plan Estratéxico e o inicio dos estudos para facer un II Plan.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova