Cargando....
Concello de Lugo
21/05/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Un total de 350 nenos e nenas poderán participar nos campamentos urbanos do programa Verán en Lugo!


# Martes, 02/06/2009
A iniciativa levada a cabo polo Concello de Lugo e a Deputación Provincial engloba numerosas actividades dinámicas e educativas para rapaces e rapazas de 4 a 12 anos

Imaxe Asociada

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, e Pablo Márquez de Gaia Animación presentaron o programa Verán en Lugo! Campamento urbano 2009.

Segundo explicou a Concelleira, o obxectivo desta campaña é ofrecer un bo número de actividades dinámicas e educativas para aproveitar ao máximo o tempo de lecer na cidade de Lugo entre os rapaces de 4 a 12 anos. Ademais, Basadre indicou que “o obxectivo desta iniciativa é que as familias que traballan en verán poidan ter a súa disposición un espazo no que os seus fillos poidan disfrutar e acadar a conciliación da vida familiar e laboral”.

A Concelleira indicou que o número de prazas para a realización de cada un dos campamentos será de 60 prazas, máis 10 que se destinarán a nenos e nenas derivados dos propios Servizos Sociais deste Concello. En total serán 5 campamentos que se desenvolveran do 6 de xullo ao 11 de setembro, cunha participación total de 350 rapaces.

Os campamentos terán lugar de 8:00 ás 20:00 horas nas instalacións do Parque de Frigsa. O Concelleiro de Deportes, indicou que “a maiores de todas as iniciativas que se van a levar a cabo o campamento ten un marcado carácter deportivo, e qué mellor lugar para celebralo que as instalacións de Frigsa que poñemos á disposición dos rapaces e rapazas”.

Neste emprazamento celebraranse os dous programas dos campamentos:

- Coñece a natureza, para achegar aos rapaces e rapazas ao contorno que os rodea a través dos xogos, contacontos, obradoiros e saídas

- Entende a natureza, que pretende que os cativos e cativas cheguen a coñecer o medio que os rodea, a repercusións que teñen nel as súas actuacións, a través de simulacións e accións directas, incluíndo un aspecto científico á actividade.

O custo dos campamentos será de 195 euros, e no caso das familias con máis dun fillo contarán cun desconto do 10% no segundo e a partir do terceiro será do 15%. O prazo de presentación de solicitudes será do 2 de xuño ata cubrir o número de prazas. Para obter máis información pódese chamar ao número de información cidadá 010.

Pola súa banda a Vicepresidenta da Deputación indicou que “quixemos colaborar co Concello de Lugo con esta iniciativa porque dá continuidade á política medioambiental que estamos a levar a cabo no organismo provincial, a través do programa europeo Lug02, dotado con 5 millóns de euros e destinado a potenciar os Concellos incluídos nas Reservas da Biosfera e ó medio ambiente nunha oportunidade económica”.

Á iniciativa que hoxe presentamos destinamos 30.000 euros e englóbase dentro da liña de actuación do programa, que está dirixida á posta en marcha de actividades lúdico-educativas de convivencia coa natureza para nenos.

Deste xeito, grazas á colaboración conxunta da Deputación e do Concello os rapaces poderán participar este verán nun total de 21 actividades relacionadas co medio ambiente, que servirán para adquirir coñecementos sobre o contorno natural e urbano e fomentar unha conciencia de respecto ó medio natural e coñecer a riqueza medioambiental.

As actividades medioambientais son as seguintes:

1.- HERBARIO

Nesta actividade trabállanse conceptos de ecoloxía, ecoloxismo, interacción social, etc.

2.- DEPURADORAS CASEIRAS:

Creación dunha depuradora caseira, onde se fixarán os coñecementos do tratamento da contaminación da auga. A actividade dividirase en cinco pasos, ó igual que ocorre nas plantas de tratamento da auga: aireación, coagulación, sedimentación, filtración e desinfección.

3.- O RASTRO DO BOSQUE

O propósito desta actividade é discutir as características biolóxicas e ecolóxicas de diferentes animais, así como o perigo que teñen se non coidamos o medio ambiente. Nesta actividade apréndese a recoñecer, identificar e conservar os rastros e sinais dos animais a través dun paseo pola naturaza.

4.- XABÓN

Neste taller o obxectivo principal é ensinar o aproveitamento adecuado dos residuos xerados que axudan a evita-lo despilfarro dos recursos naturais, o cal nos leva a un aforro da enerxía e unha menor contaminación. Deste xeito, introducirase ós nenos na historia da fabricación de xabón.

5.- ENERXÍA EÓLICA. UN PAPAVENTOS

Neste apartado preténdese amosar ós nenos outras formas das que dispón o home para obter enerxía dun modo menos contaminante, a partir de fontes alternativas e renovables que nos ofrece o planeta Terra como son o Sol, o vento e a auga. Neste contexto, preténdense ensina-los conceptos de equilibrio ecolóxico e consumo sostible, amosando a responsabilidade que temos todos no coidado do planeta.

6.- CADERNO DE CAMPO

Crear material didáctico para disfrutar das saídas polo entorno da aula, aprendendo a observar todo o que nos rodea, facilitando así ensinanza e o aprendizaxe.
Creación dun caderno de campo que levarán nas súas saídas a campo, onde poderán tomar nota do que máis lles chame a atención.

7.- RECICLAXE TÉXTIL

Ensinarlles a reutilizar co obxectivo de que eles mesmos se dean conta de que cantos máis obxectos volvamos a utilizar menos lixo produciremos e menos recursos teremos que gastar. Aproveitaremos a roupa que non se utilice, neste caso camisetas, co fin de utilizalas como mandil cando se fagan talleres na aula e evitar que os nenos se manchen.

8.- PATRULLA VERDE

Nesta actividade o obxectivo principal é concienciar os participantes da importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar, ensinando a separar o lixo nos contedores adecuados.

9.- COÑECE OS ESPAZO NATURAIS DO TEU ENTORNO

Poñer os participantes en contacto coa natureza que os rodea a través de paseos pola zona, explicacións, proxeccións audiovisuais,..

10.- O CICLO DA AUGA

Desenvolveranse charlas, proxeccións audiovisuais, xogos e talleres onde o visitante poderá apreciar e entender a relevancia de facer un uso axeitado da mesma.

11.- ENERXÍA SOLAR. AS COCIÑAS SOLARES

Creación de cociñas solares que serven para cociñar alimentos valéndose unicamente dos raios do sol.

12.- PIRÁMIDE DE ALIMENTACIÓN

Mediante o coñecemento da pirámide da alimentación dedicarase un día o estudo dos alimentos, intentando que descubran ou redescubran o beneficio dunha alimentación variada.

13.- COMPRA VERDE

Crear un xogo no que eles mesmos son os principais protagonistas, desenvolvendo a capacidade imaxinativa e as posibilidades de relacionarse e de expresarse.

14.- RECICLAXE DE PAPEL

Realización de talleres empregando materiais de desfeito (papel, cartón,..), facendo un aproveitamento óptimo dos mesmos.

15.- ARTESANÍA DE PAPEL E CARTÓN

Reutilizar materias primas ensinando a empregar cousas da realidade cotiá, como base para construír as diversas manualidades.

16.- AXUDEMOS ÓS PAXARIÑOS

Concienciación do perigo que sofren as nosas aves, debido a falta de vexetación, ás insecticidas e sulfatos das plantas, que danan moitas especies de paxaros. A actividade inclúe a creación de caixas niño e comedeiros con material de desfeito, conseguindo que aniñen e recuperando especies cuxa poboación comeza a descender.

17.- INVERNADOIROS CASEIROS

Creación dun invernadoiro caseiro que se usan para axudar a medrar ás prantas, debido a que a terra funciona como un verdadeiro invernadoiro.

18.- CAMBIO CLIMÁTICO

Con esta dinámica perséguese unha profundización activa nos problemas derivados do fenómeno medioambiental, co fin de entender mellor este grave problema ambiental.

20.- CONTACONTOS

Na propia aula ou ó aire libre, sempre que o tempo acompañe, e de forma máis lúdica ós fins de semana, intentarase a través de contos e por medio de títeres achegar ós nenos a problemática que hoxe sofre o medio ambiente. Os contos poderanos representar eles mesmos despois de que os escoitasen.

21.- XOGOS MEDIOAMBIENTAIS

Preténdese concienciar e sensibilizar sobre a importancia de preservar o medio ambiente, ademais de ofrecer coñecementos para lograr unha comprensión do medio e os seus problemas.

Pode descargar o díptico informativo


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova