A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, mércores 3 de xuño, adxudicou provisionalmente a docencia especializada de cinco cursos de formación no marco do proxecto Lugo Emprego Activo por valor de 168.122 euros.
Lugo, Emprego Activo é un dos proxectos postos en marcha dende o Concello de Lugo para o fomento do emprego e que se están a reforzar por parte do Goberno Local xa que se quere dar solución á difícil situación económica actual. Nesta primeira fase estanse a por en práctica dez itinerarios formativos en diferentes materias, como axuda a domicilio, monitor de tempo libre para persoas con discapacidade, auxiliar en enfermería en hospitalización ou xeriatría, entre outros. Nestas accións formativas participarán un total de 150 persoas.
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación para os seguintes cursos, nos que participarán 75 persoas e que se porán en marcha a finais do mes de xuño:
Ao longo de todo o proceso os participantes disporán dunha orientación personalizada e dun seguimento continuado por parte dos técnicos e técnicas do proxecto. As persoas participantes, todas elas desempregadas, inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego recibirán durante o itinerario unha beca por asistencia que poderá chegar ata o 75% do IPREM.
A Xunta de Goberno aprobou o prego de cláusulas económico-administrativas e a apertura do procedemento de licitación para a contratación da explotación da cafetería anexa ao Centro de Servizos Sociais de A Milagrosa II. O prazo máximo do contrato será de catro anos, e prorrogable catro anos máis.
O canon a pagar polo adxudicatario será dun mínimo de 300 euros mensuais, resultando finalmente o ofertado á alza polo adxudicatario na súa proposta económica, canon que será actualizado anualmente en función da variación experimentada polo IPC. Valoraranse tamén as melloras do local e prazo de execución, a tarifa de prezos e relación calidade-prezo dos produtos ofertados tanto no servizo de cafetería como no servizo de comida.
A cafetería deberá estar aberta ao público todos os días da semana agás o mércores, en horario de 10.00 a 21.00 horas establecéndose un horario de servizos de comidas de 13.00 a 15.30 horas.
O prazo de presentación de proposicións será o sinalado nas invitacións cursadas ás empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato que participen no procedemento.