Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O presidente completou hoxe na cidade da muralla as visitas institucionais ás cidades do interior de Galicia, símbolo do seu compromiso co reequilibrio territorial


# Mércores, 03/06/2009
FEIJÓO SITÚA O POLÍGONO DAS GÁNDARAS E O EQUIPAMENTO DO NOVO HOSPITAL COMO PRIORIDADES DUNHA LEXISLATURA NA QUE INTENTARÁ APROBAR A MAIOR PARTE DAS "ASIGNATURAS PENDENTES" CON LUGO

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Avanza que o Goberno galego impulsará os proxectos do Plan Paradai, do auditorio, do barrio da Tinería e as reformas urxentes da estación de autobuses de Lugo Aposta por “repensar e recuperar” as iniciativas de conservación da Muralla de Lugo “O único que queremos é que Lugo teña AVE”, salienta, e comprométese a trasladarlle ao Goberno de España a necesidade de establecer “prazos, contías e presupostos”

Lugo, 3 de xuño de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou hoxe o polígono das Gándaras e o equipamento do novo hospital como prioridades dunha lexislatura na intentará aprobar a maior parte “das asignaturas pendentes” coa cidade de Lugo. O mandatario galego completou hoxe, cunha visita institucional ao Concello de Lugo, o seu percorrido polas cidades do interior de Galicia, o que cualificou como “un xesto, pero tamén unha filosofía de goberno” comprometida co reequilibrio territorial.

Logo de manter unha xuntanza coa Corporación Municipal de Lugo, o titular da Xunta afirmou que o Goberno galego fará todo o posible para que a primeira fase das Gándaras estea funcionando no ano 2010. “Nos momentos de dificultade económica, non pode haber problemas de reserva de solo, calquera emprendedor que queira poñer en marcha un proxecto que xere emprego debe ter onde facelo”, afirmou Feijóo.

En relación co equipamento do novo hospital, o presidente da Xunta apuntou que carecía de dotación presupostaría cando chegaron ao Goberno, e que fallan entre 40 e 50 millóns de euros para o equipamento, así como as obras da cafetería e da cociña e a cometida eléctrica, esta última actuación competencia municipal. Nesta liña, informou de que onte se reuniu a comisión de seguimento desta infraestrutura e que agarda que nas vindeiras semanas, unha vez completado o plan de austeridade do Goberno, se poida presentar unha solución.

Impulso aos proxectos pendentes

O máximo mandatario galego admitiu que a actual conxuntura económica condicionará o desenvolvemento dos proxectos pendentes na cidade de Lugo, pero que intentará impulsar todos eles. Así, sinalou que Lugo leva “12 anos pendente do auditorio” polo que avogou por “non reabrir e proseguir” co proxecto construtivo co obxectivo de poder licitalo no ano 2010. Ademais, impulsará a “creación de cidade” mediante a execución das dúas últimas fases do Plan Paradai.

En relación coas necesarias reformas da estación de autobuses, o presidente da Xunta destacou que a solución definitiva dependerá do trazado urbano do tren de Alta Velocidade, pero comprometeu que o Goberno galego acometerá actuacións urxentes que adecúen a estación “ás necesidades dunha capital de provincia”. Feijóo asegurou que a Xunta estudará as demandas dos grupos municipais para continuar coa rehabilitación do barrio da Tinería, contemplando ademais a posibilidade de establecer obradoiros de artesanía que potencien esta zona como enclave turístico. O titular do Goberno galego reivindicou, tamén. a importancia da Muralla de Lugo como “un símbolo que non ten réplica en Galicia” e subliñou a necesidade de “repensar e recuperar” as iniciativas da conservación deste monumento.

Nas súas declaracións, Núñez Feijóo asegurou que o Goberno galego non diferenciará entre os concellos integrados ou non no Consorcio de Benestar e que fará “un esforzo” por achegar fondos ás escolas infantís do municipio, tal e como lle solicitaron os membros da Corporación Municipal de Lugo.

Vontade de conseguir acordos para que o AVE chegue a Lugo

“O único que queremos é que Lugo teña AVE”, afirmou o presidente da Xunta, quen se comprometeu a trasladarlle ao Goberno de España a necesidade de dotar esta infraestrutura de “prazos, contías e presupostos”. Así llo solicitaron os representantes municipais de Lugo, e remarcou a súa vontade de chegar a acordos que beneficien a Lugo e para que este non sexa “unha das poucas capitais de provincia” sen tren de Alta Velocidade.

Orozco traslada o desexo do compromiso coa cidade

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, José López Orozco, manifestoulle ao presidente do Executivo autonómico o “desexo de que cumpra con Lugo”. O rexedor local trasladoulle os problemas e as necesidades que presenta o concello, nos que esperan contar coa colaboración e apoio da Xunta, e que pasan, tal e como relatou, por acometer a cuarta fase do Plan Paradai, a construción do Auditorio, o proxecto da  Ronda Leste, o Polígono das Gándaras, o apoio ao turismo, as escolas infantís, a mellora da atención da cobertura de telefonía móbil e televisión, a estación de autobuses, o museo da romanización, e o uso dos terreos do vello hospital, entre outros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova