Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo colabora coa actividade de sensibilización O Camiño da Auga


# Xoves, 04/06/2009
Organizada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento tratará de concienciar á poboación lucense sobre o problema do transporte da auga en Etiopía

Imaxe Asociada

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, e María José Meilán e María del Carmen Meilán representantes da ONG Implicadas no Desenvolvemento, presentaron unha nova actividade de sensibilización que terá lugar o vindeiro sábado 13 de xuño polas rúas da cidade e baixo o título O Camiño da Auga.

Con esta actividade pretendese que as mulleres e homes de Lugo, representados nun xesto solidario por mulleres senlleiras dentro da sociedade lucense, fagan unha peregrinaxe polas rúas da cidade cargando cos colectores de auga que levan as mulleres de Etiopía. O obxectivo é comprobar nas rúas lucenses o problema que supón en Etiopía o carretar a auga.

A Concelleira explicou que “esta actividade faranos pensar que nos países en vías de desenvolvemento son as mulleres e nenas as que levan a cabo as tarefas máis difíciles, como ir cargando con contenedores de ata 20 quilos de peso, por isto, temos que seguir co noso compromiso e contribuíndo ao desenvolvemento doutros países, temos a obriga moral de colaborar para o seu desenvolvemento e paliar as dificultades que están a sufrir, sobretodo ás mulleres.”

Basadre engadiu que “se trata dunha campaña fermosa para demostrar o duro traballo que están a realizar estas mulleres e o duro problema do reparto da auga como determinante no desenvolvemento”.

A actividade sairá ás 11 da mañá na Porta de Santiago, percorrerá un tramo do adarve da Muralla ata a Mosqueira, pasará polo Campo Castelo, Rúa San Pedro, Rúa do Progreso, Rúa Xoan Montes, Rúa da Raíña e rematará na Praza Maior coa lectura dun manifesto por parte da presidenta da ONG sobre a situación da que se quere sensibilizar.

As organizadoras do proxecto indicaron que ademais do percorrido solidario haberá na Praza Maior actividades para nenos como obradoiros de globoflexia, maquillaxe, xogos e animación de rúa a cargo do grupo María Castaña.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova