Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A praza da Constitución transformarase nun campamento de forxadores durante a celebración do Arde Lucus MMIX


# Luns, 08/06/2009
Este campamento estará aberto os tres días do Arde Lucus e contará cunha grande actividade

Imaxe Asociada

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou algunhas das novidades que incluirá o programa do Arde Lucus MMIX.

A responsable da área de Xuventude indicou que este ano, no que se deseñou unha programación aínda máis ampla e complexa para o Arde Lucus que en edicións anteriores, aparecen outras novidades moi relacionadas coa recreación histórica dos oficios.

Anunciou que na praza da Constitución asentarase o Campamento dos Forxadores no que se reconstruirá a vida cotiá da xentes dedicadas a traballar co ferro na época romana, así como a de outras labores habituais nun campamento. Nel os visitantes atoparanse con ferreiros e ferreiras, lexionarios e gladiadores, “xentes que nos ofrecerán unha visión do día a día na época Imperial”.

Rielo explicou que se levará a cabo unha ampla serie da actividades tanto para ver (exhibicións de loita, pantomima,…) como para participar nelas, das que serán os nenos e nenas os que máis as gocen. Este campamento estará aberto os tres días do Arde Lucus e contará cunha grande actividade.

Dentro do Campamento estará situada a “Fragua da Sentinela”, onde se recreará o oficio tradicional de ferreiro o sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas. Nesta fragua, as persoas que o desexen poderán practicar o oficio de forxador, guiados polos ferreiros e ferreiras da fragua.

A Concelleira indicou que “ao mesmo tempo catro forxadores e forxadoras construirán unha Sentinela que vixiará permanentemente unha porta da nosa Muralla”. A estatua da Sentinela, cun corpo de granito de 2 metros de altura, aparecerá armada con todos os elementos que distinguen á garda romana: casco, escudo, lanza e espada. Os ferreiros e ferreiras da fragua traballarán ata terminar a Sentinela, que será colocada no seu lugar definitivo na tarde do domingo.

Tamén serán os ferreiros e ferreiras da fragua as persoas encargadas de elaborar o trofeo que custodiará a asociación gañadora das Olimpíadas ata o vindeiro ano. Este trofeo, que é unha reprodución a escala da Sentinela, estará realizado nos mesmos materiais que a orixinal: granito e ferro forxado. A asociación gañadora dos xogos deste ano verá o seu nome inscrito no trofeo e será a encargada de custodiar á Sentinela ata o vindeiro Arde Lucus, así como de organizar as Olimpíadas para o Arde Lucus MMX.

Así pois, a praza da Constitución constituirase nun novo emprazamento a visitar no Arde Lucus deste ano, onde atopar un concepto diferente de campamento.

Ademais a Concelleira anunciou que a loita entre Celtas e Romanos que se celebrará o venres ás 20:00 horas terá lugar, por primeira vez, no tramo da Ronda da Muralla enfrente da Mosqueira, xa que é un espazo que pode acoller a un número moi alto de público, e contará ademais cun número maior de participantes.

Outra das novidades presentadas por Rielo é un espectáculo de maxia que baixo o nome de Abracadabrix e da man do mago Rafa, fará desfrutar a lucenses e visitantes cos elementos máxicos da época.

Por outra banda a Concelleira indicou que xa están totalmente cubertas as prazas para participar nos obradoiros de elaboración de traxes, polo que o Concello decidiu ampliar a súa oferta. Así dende o 15 de xuño e ata o 25 de xuño, durante a semana en quendas de 16:00 a 17:30, de 17:30 a 19:00 e de 19:00 a 20:30 horas, e os sábados de 10:00 a 11:30 e de 11:30 a 13:00 horas, en turnos de 15 personas, realizaranse novos talleres no Centro Comercial As Termas.

ardelucus.com
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova