Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto de 200 profesionais da Enxeñaría Gráfica danse cita na EPS para falar das novas tecnoloxías


# Mércores, 10/06/2009
Nun congreso que remata o venres 12

Imaxe Asociada

O vixésimo primeiro Congreso Internacional Conxunto de Enxeñaría Gráfica de INGEGRAF e de ADM, que comezou este mércores 10 na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, reunirá na cidade a 183 profesionais, para intercambiaren as súas opinións sobre as diferentes liñas de traballo na aplicación das novas tecnoloxías como canles de comunicación.

O acto de inauguración estivo presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xosé López Orozco; o presidente de Ingegraf, Fernando Brusola; o presidente de ADM, Antonio Lazotti; o director da EPS, Javier Bueno; e o presidente do comité organizador do congreso, Eduardo Zurita.

Ao encontro tamén asistiu o director do departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez, e os decanos dos colexios de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Víctor Tello e Enrique de Salvador, respectivamente, así como os presidentes dos colexios de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Agrícolas de Lugo e de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Forestais de Galicia, Armando Rey e Marcos Cardelle.

Este congreso, que ofrece 90 conferencias, ten como principal obxectivo converterse nun foro de encontros entre profesionais que propicie o intercambio de experiencias científicas e profesionais no ámbito da Enxeñería Gráfica e das áreas de coñecemento relacionadas co deseño.

Seguindo o lema do congreso, ‘Camiñando desde a idea cara ás alternativas do deseño’, o comité organizador pretende resaltar o proceso de deseño en enxeñaría, que parte dunha idea que medra apoiándose na expresión gráfica para concretarse a través da imaxe, sendo esta, segundo apunta o comité, “a que nos permite relacionar as distintas partes do deseño, calcular graficamente as dimensións e concretar o deseño final tras analizar as alternativas do deseño”.

Investigación

Durante o evento trataranse diversas liñas de traballo, tales como a simulación e a realidade virtual, a topografía, o procesamento dixital da imaxe ou cartografía, entre outras, destacando sempre a importancia da implantación das novas tecnoloxías en cada unha das disciplinas, como un soporte fundamental para a comunicación e o deseño.

Ademais, con este encontro preténdese participar no proceso de Converxencia Europea no ámbito docente e profesional. Así, exporanse novos retos relacionados coa docencia en liña, dos congresos virtuais ou a normalización de plataformas de CAD en función do intercambio de información gráfica dixital, entre outras liñas de traballo que se desenvolverán estes días en Lugo, con intercambio de ideas e investigacións.

A USC elixiu o Campus de Lugo para a realización deste congreso, co fin de desenvolver un programa de visitas culturais paralelo á programación oficial, que permita aos congresistas coñecer a Galicia interior. As persoas interesadas en obter unha maior información sobre este congreso que se desenvolverá en Lugo ata o venres 12, poden consultar a páxina web http://www.ingegraf.es.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova