Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentadas as Segundas Xornadas Lóstregas de seguridade vial de moto


# Xoves, 11/06/2009
O obxectivo é formar e concienciar aos motoristas para reducir a sinistralidade nas estradas

Imaxe Asociada

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e os representantes da Asociación Cultural e Motera Lóstregos, Manuel Rodríguez e Raul Rocha, presentaron un curso teórico práctico de condución segura en moto quen terá lugar esta fin de semana.

O Concello de Lugo e a Deputación participan nesta actividade conscientes da necesidade de formar e concienciar á sociedade sobre o comportamento responsable nas estradas. Moitos dos accidentes de circulación nos que se ve implicada unha motocicleta teñen como causa unha inexperiencia do piloto, polo que ámbalas dúas institucións consideran de gran relevancia levar a cabo iniciativas como esta de cara a reducir a sinistralidade nas estradas.

Rábade afirmou que “queremos que os motoristas estean perfectamente formados en seguridade vial e condución para que sepan reaccionar ante un posible accidente e evitalos así como contribuír a unha condución non temeraria. Consideramos que a formación é un dos eixos fundamentais para o descenso do número de accidentes nos que as motos se vén implicadas, polo que contamos con profesionais de recoñecido prestixio para desenvolver o curso”.

O obxectivo do Concello participando neste proxecto, xunto a Deputación e outras entidades, en apoio á Asociación Cultural Lóstregos, baséase na preocupación que todos comparten en relación á sinistralidade viaria, algo que hai que combater desde todos os frentes posibles. “Esperamos que este curso poida servir a tal fin, polo que desexamos afianzar estas xornadas de xeito que teñan continuidade no tempo”, indicou a Vicepresidenta da Deputación.

As Segundas Xornadas Lóstregas de seguridade vial terán lugar o próximo domingo 14 de xuño. A parte teórica levarase a cabo na aula do centro sociocultural de Fingoi e será impartida por Manuel Rodríguez Souto, monitor especializado; a parte práctica do curso realizarase pola tarde no circuíto pechado de Karts de Robra (Telefunken) e será impartida por Isaac e Álvaro, vencedores do campionato Galego de Velocidade e da Copa Celta, respectivamente.

O curso,contará cun total de 30 participantes que poderán realizar a súa inscrición no correo electrónico www.lostregoslucus.com. Os participantes deben ser maiores de idade, estar en posesión do permiso para conducir motocicletas e ter ao día a documentación da moto (seguro, imposto de rodaxe e I.T.V.). Así mesmo, deberán levar casco, guantes e roupa con proteccións para a clase práctica.

O curso conta cun orzamento de máis de 2.000 euros doa que o Concello realiza unha achega de 600 euros, mentres que a Deputación cede 1.000 euros. Os participantes aboarán 35 euros por alumno, e serán agasallados cun diploma de asistencia.

O desenvolvemento do curso conta cun seguro que cubrirá aos participantes durante a súa celebración. Así mesmo, contarase cunha ambulancia cos correspondentes técnicos á disposición exclusiva das prácticas do circuíto.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova