Imprimir

A CONCELLEIRA DE SERVIZOS XERAIS LE O PREGÓN DAS FESTAS DE SAN ANTONIO DE PADUA DO BARRIO DE O CASTIÑEIRO


11/6/2009

Queridas veciñas e veciños:

Quixen compartir un día tan especial convosco como é o de inicio das festas en honor a San Antonio de Padua en agradecemento a todo o que estades facendo pola mellora e avance do Barrio do Castiñeiro.

O programa de festas deste ano, no que sei que os veciños tivestes un gran protagonismo e levastes a cabo un importante esforzo, é un exemplo vivo do que é este barrio e desde aquí quero felicitar á Comisión de Festas polo seu traballo e ilusión na súa organización.

Estes catro días de festa contarán cunha importante oferta que, seguro, interesará a todos os veciños e veciñas que aquí vivimos. Así, gozaremos de música tradicional e moderna, de actividades lúdicas para os máis pequenos, así como dunha exhibición de coches clásicos e de 600, foco de atracción non só para a xente do barrio e da cidade, senón un aliciente fóra da nosa Muralla.

Como dicía, este programa festivo recolle ás claras a personalidade deste barrio. Un barrio de xente traballadora no que conviven de forma harmónica cidadáns de todas as idades e no que todos temos cabida. Un barrio unido e integrado á súa vez na cidade, consciente do seu potencial humano, do seu orgullo de pertenenza a un lugar, a unha terra, a un espazo físico no que relacionarnos.

Porque ademais de ter as nosas vivendas no Castiñeiro, facemos vida neste espazo, compartimos os lugares de lecer, a vida na rúa: o gran valor dunha cidade como Lugo, en cuxa construción e avance participamos todos. Unha cidade que se constrúe cara a dentro e cara a fóra coa ilusión e o esforzo duns veciños e veciñas centrados, sobre todo o demais, no benestar da cidade e a súa xente.

Recordo con moitísimo agarimo aquel ano 1986 no que me trasladei a esta zona, aquí, entre vós, no voso barrio, agora tamén o meu. Pronto souben que a elección fora a correcta e que a xente que aquí vive devolveríame toda a nostalxia que implica un cambio de cidade.

Hoxe quero aproveitar para agradecer públicamente a acolleita, o fácil que me puxestes a adaptación e convivencia entre vós. Dicirvos que me sento orgullosa de pertencer a un barrio en cambio, un barrio que viu transformada a sua fisionomía e que presume orgulloso das súas posibilidades.

O Castiñeiro é un dos puntos da cidade no que o Concello de Lugo vén desenvolvendo actividades de gran relevancia. Recordade as iniciativas de lecer que continuamente poñemos en marcha desde Xuventude ou a instalación do telecentro, que nos permitiu o acceso a actividades non só lúdicas senón formativas, de introdución á informática para todos os públicos.

Neste sentido, é necesaria unha mención especial ao momento xuvenil, centrado na motivación dos máis novos, de todos aqueles que polos motivos que fose decidan abandonar os seus estudos. Desde este centro preséntaselles todo o apoio e coidado para a súa ocupación. Un proxecto de gran relevancia que aposta pola nosa mocidade, pola súa formación e o seu futuro como valores deste Lugo en cambio, un Lugo en crecemento.

Desde a miña chegada á cidade vin como un barrio traballador crecía, como aumentaban os seus servizos... a instalación e mellora do alumado público, a posta en marcha dos bancos na praza que hoxe acóllenos, e é un enorme pracer comunicarvos que desde a Concellería de Infraestructuras estase poñendo todo o empeño para recuperar a fonte. Tantos e tantos cambios que fixeron do Castiñeiro un sitio para vivir, un emblema dunha cidade na que a natureza convive co urbano nunha simbiosis perfecta.

O barrio do Castiñeiro é un claro exemplo do que desde o Concello e tamén como cidadáns queremos para Lugo. Unha cidade que se constrúe desde abaixo, co apoio firme e decidido dos veciños, unha cidade que aposta polo progreso, polo cambio, polos servizos e pola calidade de vida de todos e cada un dos que aquí vivimos.

A xente que vén de fóra é o primeiro que valora, a amabilidade que vos caracteriza e o empeño constante e sen descanso por conseguir o mellor para o voso barrio. E dígovolo eu que un día cheguei de fóra. Un empeño no que o Concello vén colaborando de forma decidida, co fin de conseguir un barrio vivo, dinámico no que os veciños e veciñas e a vosa entrega constante sodes o verdadeiro orgullo.

Grazas a todos por haberme invitado a estar aquí neste día e por abrirme as portas da cidade fai uns anos.

Desde o Concello seguiremos remando para que O Castiñeiro siga sendo unha das iconas desta cidade en transformación, un espazo para a vida, o traballo e a convivencia. Un espazo urbano e verde á vez, un espazo que integra á mocidade, aos traballadores, aos maiores. Un espazo de Lugo no que vivir é todo un orgullo.

Boas festas!