Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o libro Fernando de Casas Nóvoa


# Venres, 12/06/2009
O arquitecto compostelán conta xa cunha praza co seu nome ao carón da súa obra a Capela da Virxe dos Ollos Grandes

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentaron unha nova publicación editada polo Concello de Lugo: Fernando de Casas Nóvoa en Lugo.

O Coordinador de Publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana, é o autor deste texto sobre o que a Concelleira de Cultura dixo que “este libro sobre Fernando de Casas non é realmente un estudo da súa arquitectura, tan ben tratada por moitos especialistas entre os cales hai que salientar a profesora Vila Jato e máis a Alberto Fernández González, que no ano 2006 se doutorou coa cualificación de sobresaliente cum laude cunha tese monográfica sobre o noso arquitecto. O libro de Darío Xohán Cabana é un libro de novelista apaixonado pola Historia que presenta un mozo chamado Fernando de Casas chegando a Lugo pola ponte sobre o río Miño, que describe a pequena cidade con que se encontrou, e que relata as obras do claustro e da capela da Virxe dos Ollos Grandes procurando sempre o detalle cálido e vital que os vellos documentos algunhas veces proporcionan”.

Esta breve obra é tamén, dende o punto de vista da edición –dirixida polo propio Darío Xohán Cabana–, un fermoso e elegante libro, deseñado e maquetado pola empresa lucense Tatata, que será entregado o próximo 21 de xuño como agasallo institucional ós nosos visitantes das outras capitais históricas galegas con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento.

O arquitecto compostelán Fernando de Casas Nóvoa construíu en Lugo, entre 1708 e 1736, dúas obras de gran importancia: o claustro da catedral e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, considerada unha das obras mestras do barroco galego. A súa influencia na arquitectura da nosa cidade foi moi grande, pois nos mestres de obras locais do século XVIII fíxose sentir o seu maxisterio, e tamén o do seu aparellador e discípulo predilecto Lucas Ferro Caaveiro, autor entre outras obras lucenses da magnífica Casa do Concello.

Fernando de Casas, creador tamén da maxestosa fachada do Obradoiro da catedral compostelá, é xeralmente considerado o máis grande arquitecto do barroco galego. O Concello de Lugo acaba de dedicarlle a praza que ata agora se chamaba do Alférez Provisional, contigua á capela da Virxe dos Ollos Grandes, cumprindo así dous obxectivos: aplicar a filosofía da Lei de Memoria Histórica suprimindo da toponimia urbana un nome vinculado á rebelión militar de 1936 e á guerra civil española, e asemade, honrando un dos máis grandes artistas da historia de Galicia, situándoo no lugar máis axeitado posible: xusto ó carón da súa máis fermosa obra lucense.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova