Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Amplíase o prazo para inscribirse nos concursos do Arde Lucus MMIX


# Luns, 15/06/2009
Os interesados en participar poderán apuntarse ata o vindeiro xoves 18 de xuño

A Concellería de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo, ampliou o prazo para inscribirse nos diferentes concursos organizados dentro do programa do Arde Lucus MMIX co que se pretende unha maior participación da poboación lucense nesta festa.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro 18 de xuño nas diferentes categorías na Oficina de Información Xuvenil, situada no Centro Social Uxío Novoneyra.

Categoría Decoración de Escaparates:

Para inscribirse é necesario que as persoas que participen teñan o seu local dentro de murallas que terán que estar decorados con ambientación na época romana obrigatoriamente dende o día 22 de xuño ás 10:00 horas ata o día 28 de xuño ás 23:59 horas.

Categoría "Personaxes Romanos ou Celtas":

Existen dúas modalidades a representar por grupos (mínimo de 5 persoas) ou individual: dentro destes poderase ir caracterizado de celta ou de romano. Nesta última modalidade estableceranse dúas categorías, infantil (menos de 12 anos) e adultos (de 13 en adiante).

O concurso terá lugar o 28 de xuño na Praza Maior ás 17:15 horas.

Ao longo de todo o desfile os participantes deberán levar un estandarte co nome romano ou celta do grupo ou da personaxe.

Categoría "Campamento":

O concurso celebrarase o 28 de xuño en horario de apertura do campamento. Os grupos deberán estar formados como mínimo por 5 persoas e que leven ao longo de todo o concurso un estandarte co nome do grupo. A acampada deberá comezar o 26 de xuño ás 17:00 horas e levantarse o 28 de xuño entre as 21:00 horas e as 23:00 horas.

Os grupos elixirán entre o bando celta (guerreiros celtas, etc) ou o bando romano (lexionarios romanos, etc) e a súa tenda e ambientación teñen que ir acordes coa súa elección.

Nesta modalidade será obrigatorio que como mínimo un dos membros do grupo durma as dúas noites no campamento e que a metade do grupo estea presente no campamento durante todas as horas de apertura do mesmo.

Os grupos gañadores serán elixidos por un xurado que estará formado por persoas cualificadas en cada unha das categorías que valorarán aspectos coma a orixinalidade, a elaboración dos traxes, animación do grupo, ambientación, caracterización de cada un dos membros, a decoración da tenda....

Para máis información en relación coa actividade, pódese chamar ao teléfono 982 297 829 ou dirixirse á Oficina de Información Xuvenil en horario de mañas das 9:00 ás 14:00 horas, e de tardes das 16:30 ás 19:00 horas de luns a venres.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova