Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o programa do Arde Lucus MMIX


# Mércores, 17/06/2009
Un ano máis a cidade revivirá o seu pasado romano ao longo de tres días cargados de actividades e sorpresas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Coa chegada do verán a cidade de Lugo revivirá o seu pasado romano. Un ano máis o Concello de Lugo ten todo preparado para celebrar entre o 26 e 28 de xuño a festa do Arde Lucus.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo presentaron hoxe o programa de actividades que arrincará ás 17:00 horas da tarde do venres 26 de xuño coa apertura do Macellum -Mercado- e do campamento dos forxadores na praza da Constitución. Dende este momento a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderán desfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana.

O Alcalde agradeceu a implicación e o traballo de todos os que prepararon a edición deste ano, para que sexa unha festa de todos e todas as lucenses e de todos os que veñan a visitar a cidade nestes días. López Orozco indicou que “estas festas amosan o orgullo polo noso pasado romano” e engadiu que “a festa non é do Concello é de todos os lucenses”.

A Concelleira de Xuventude explicou que este ano a programación do Arde Lucus MMIX inclúe un sinfín de actividades para todos os públicos, para maiores e pequenos.

Contarase cos espectáculos tradicionais que se veñen celebrando ano tras ano como o Nasciturus, as vodas celtas e romanas, a Expugnatio -batalla final entre celtas e romanos- que dada a súa grande convocatoria este ano terá lugar na Ronda da Muralla ao carón da Mosqueira. Non faltarán os desfiles, malabares con lume, vodas celtas, a bacanal, a exhibición de bigas, venda de escravos, a profetisa...

A Concelleira anunciou que nesta ocasión o circo romano contará, como novidade, con dous pases, un nocturno o venres 26 ás 23.30 horas, e outro o sábado a partir das 19:45 horas. Este impresionante espectáculo que cada ano congrega a máis xente celebrarase como ven sendo habitual na explanada ao carón do Pavillón Municipal dos Deportes. Para entrar nas gradas habilitadas para circo haberá que recoller as entradas a partir da vindeira semana na Concellería de Xuventude, aínda, que como todos os anos o espectáculo poderá verse dende as ladeiras do parque de Rosalía de Castro.

Haberá tamén un concerto celta a cargo do grupo de rock Trikel. A Tabernae, que estará situada na praza da soidade, converterase no comedor romano da cidade dende o venres ao mediodía ata o domingo día 28. Neste comedor servirase un menú totalmente romano.

Entre as novidades deste ano a Concelleira indicou que este ano os alumnos do conservatorio de danza protagonizarán un espectáculo baixo o nome de Danzarium. Ademais, contarase co novo campamento de forxadores no que se reconstruirá a vida cotiá da xentes dedicadas a traballar co ferro na época romana, así como a de outras labores habituais nun campamento.

Dentro deste campamento estará situada a “Fragua da Sentinela”, onde se recreará o oficio tradicional de ferreiro o sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas. Nesta fragua, as persoas que o desexen poderán practicar o oficio de forxador, guiados polos ferreiros e ferreiras da fragua. Catro forxadores e forxadoras construirán unha Sentinela que vixiará permanentemente unha porta da nosa Muralla. A estatua da Sentinela, cun corpo de granito de 2 metros de altura, aparecerá armada con todos os elementos que distinguen á garda romana: casco, escudo, lanza e espada. Os ferreiros e ferreiras da fragua traballarán ata terminar a Sentinela, que será colocada no seu lugar definitivo na tarde do domingo.

A Concelleira resaltou a implicación das asociacións, os grupos de voluntarios, os patrocinadores e colaboradores que permiten contar cunha programación tan ampla como laboratorios Nupel, a Deputación Provincial, Leite Río, Coca-Cola, Centro Comercial As Termas, Caixanova...

Neste acto presentouse ante os medios de comunicación a que será a banda sonora do Arde Lucus, composta especialmente para esta festa e que soará na Queima da Muralla.

O Alcalde e a Concelleira animaron a todos a participar e desfrutar desta festa que atrae cada ano a máis número de visitantes de fóra de Lugo.

Web Arde Lvcvs
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova