Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo celebra a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento


# Domingo, 21/06/2009
O Alcalde de Ourense é este ano o Delegado Rexio na celebración

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

A cidade de Lugo celebra un ano máis a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que tivo lugar ás 12.00 horas na Catedral de Lugo e estivo presidida polo Bispo de Ourense, Luis Quinteiro Fiuza.

O Alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández, foi este ano o responsable de facer a Ofrenda como Delegado Rexio. Trátase dunha celebración que ten lugar só en Lugo, e que se repite anualmente dende o ano 1669.

Os actos comezaron ás 11:20 coa recepción de autoridades na Casa Consistorial. A este acto asistiron representantes das 7 Capitais do antigo Reino de Galicia, o Ministro de Fomento, José Blanco, representantes das 4 Deputacións provinciais, do Exército, do Parlamento e do Senado.

Ás 11:30 tivo lugar a sinatura no libro de Ouro por parte do Delegado Rexio, que nesta ocasión foi o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez.

Posteriormente as Corporacións de Lugo e Ourense acompañadas de representantes do resto de Capitais do antigo Reino de Galicia, partiron en procesión cara a Catedral, acompañados polas Bandas de Música de Lugo e Ourense, Garda de gala, Uxieres e Maceiros, co fin de engrandecer esta celebración de máis de 3 séculos.

Ás 12:00 comezou a Misa. Ao longo dela tivo lugar a lectura da tradicional Ofrenda por parte do Delegado Rexio. Posteriormente comezou a procesión pola Praza Maior na que participou de novo a Banda Municipal de Lugo e Ourense, para voltar as autoridades de novo á Catedral e facer entrega da Ofrenda.

Este acto realízase só en Lugo, e cada ano unha cidade é a encargada desta ofrenda na que participan as sete antigas capitais: Lugo, A Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Ourense e Tui.

Publicación de Fernando de Casas Nóvoa en Lugo

O Concello de Lugo publica nesta ocasión o libro Fernando de Casas Nóvoa en Lugo, de Darío Xohán Cabana no que presenta a un mozo chamado Fernando de Casas chegando a Lugo pola ponte sobre o río Miño, que describe a pequena cidade coa que se encontrou, e que relata as obras do claustro e da capela da Virxe dos Ollos Grandes procurando sempre o detalle cálido e vital dos vellos documentos.

Esta breve obra é tamén, dende o punto de vista da edición –dirixida polo propio Darío Xohán Cabana–, un fermoso e elegante libro, deseñado e maquetado pola empresa lucense Tatata, que será entregado o día da Ofrenda como agasallo institucional aos representantes das outras capitais históricas galegas con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

O arquitecto compostelán Fernando de Casas Nóvoa construíu en Lugo, entre 1708 e 1736, dúas obras de gran importancia: o claustro da catedral e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, considerada unha das obras mestras do barroco galego. A súa influencia na arquitectura da nosa cidade foi moi grande, pois nos mestres de obras locais do século XVIII fíxose sentir o seu maxisterio, e tamén o do seu aparellador e discípulo predilecto Lucas Ferro Caaveiro, autor entre outras obras lucenses da magnífica Casa do Concello.

Fernando de Casas, creador tamén da maxestosa fachada do Obradoiro da catedral compostelá, é xeralmente considerado o máis grande arquitecto do barroco galego. O Concello de Lugo acaba de dedicarlle a praza que ata agora se chamaba do Alférez Provisional, contigua á capela da Virxe dos Ollos Grandes, cumprindo así dous obxectivos: aplicar a filosofía da Lei de Memoria Histórica suprimindo da toponimia urbana un nome vinculado á rebelión militar de 1936 e á Guerra Civil española, e honrando un dos máis grandes artistas da historia de Galicia, situándoo no lugar máis axeitado posible: xusto ao carón da súa máis fermosa obra lucense.

Nos últimos anos o Concello de Lugo edita publicacións especiais para estas datas. Como é costume agasallouse a cada convidado cun exemplar deste novo título, no acto da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

OFRENDA DO ALCALDE DE OURENSE AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

Dice o Eclesiastés: “Quen ama o diñeiro, non se farta del”. E o libro de Ben Sirá, sentencia: “Tramar enganos contra teu irmán non conduce a nada bó, porque a avaricia seca o alma”.

Neste tempo que vivimos, no que a codicia dos homes nos obriga a transitar por camiños de inquedanza e desasosego, comparezo por primeira vez na nobre e fermosa cidade de Lugo para cumprir unha tradición centenaria, instaurada polos noso antepasados no Ano do Señor de Mil Seiscentos e Sesenta e Nove.

Comparezo neste acto solemne en nome das sete cidades do Antigo Reino de Galicia; e ao chegar ata aquí como Alcalde de Ourense teño a honra de presentarme ante todos vos como o máis orgulloso representante, pero tamén como o máis humilde servidor da miña cidade. Son portador dunha aperta fraternal das mulleres e os homes de Ourense para todos os homes e mulleres de Galicia. Unha aperta cálida, que brota da quentura salutífera e vivificante das nosas augas. Un abrazo sentido, que alenta no corazón palpitante do fervedoiro do noso sitio histórico de As Burgas.

Neste tempo difícil para todos, quero facer desta Ofrenda un grito contra a desmesura dos codiciosos; un grito que diga basta ó culto dos avaros ó novo becerro de ouro da especulación financeira internacional, que nos aboca a días de preocupación e desacougo, sempre con máis dano para os máis débiles.

Quero facer desta Ofrenda un grito de denuncia daqueles que, olvidados dos principios xustos e dos comportamentos éticos, nos conducen á crisis económica e ó desarme social; dos que os amparan, protexen e xustifican dende a neglixencia intelectual, a indixencia moral ou a complicidade política; e mesmo dos pobos que, por inhibición ou comodidade, tantas veces deixan campo libre os necios e os canallas.

Ese é o camiño que, en palabras de Cervantes -cecáis inspiradas na sabiduría das terras de Lugo das que recibe seu apelido- nos conduce a “este mal mundo que temos, onde apenas atopamos nada sen mezcla de maldade, embuste e bellaquería”

Quero facer desta Ofrenda tradicional un grito firme de denuncia, pero quero facelo con palabras suaves que non alenten a crispación nin renuncien á esperanza.

En tempo de tribulación, os representantes públicos e os gobernantes temos a obriga de protexer ós humildes; ós que menos teñen; aqueles dos nosos concidadáns que sofren as necesidades máis básicas; ós que sofren discriminación ou viven en perigo de exclusión social; ós xóvenes, garantía do noso futuro; ós anciáns, memoria viva da familia e dos pobos; ós inmigrantes, que nos aportan a savia revitalizadora da mestizaxe e a diversidade; ós que na nosa sociedade opulente aínda non teñen garantido o dereito á educación, á vivenda e ó emprego.

Se as crisis supoñen unha oportunidade, proclamo que son chegados os días dun novo rexurdir. En nome das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, en nome dos homes e das mulleres que habitamos en cada rincón desta Comunidade, quero presentar hoxe unha Ofrenda de esperanza no noso futuro colectivo.

Se contamos con gobernantes imaxinativos e realistas, dispostos a servir con prudencia, humildade e sabiduría a cada concidadán, sen distinción de raza, sexo, creencia ou condición social, temos esperanza.

Se os cidadáns defendemos a cotío ó respecto, á liberdade, á igualdade e á tolerancia como pilares da organización social, temos esperanza.

Se entre todos podemos ensanchar o horizonte da solidariedade e o servizo á colectividade, temos esperanza.

Temos esperanza, en fin, se como individuos e como pobo somos quen de dar unha oportunidade á utopía.

Francisco Rodríguez Fernández

Alcalde de Ourense




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova