Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo anima á cidadanía a participar coas súas achegas no borrador de ordenanza de civismo que contribuirá no progreso e mellora da convivencia


# Luns, 22/06/2009
O documento estará pendurado da páxina web do Concello para que todos os lucenses poidan coñecelo e fagan chegar as súas suxestións

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, animou hoxe á cidadanía a participar coas súas achegas no Borrador de Ordenanza de Civismo, un documento que, tal e como subliñou, “contribuirá no progreso e mellora de convivencia na cidade”. Así o salientou logo de remitírllelo aos grupos políticos e manter unha reunión co Consello Económico e Social para presentarlles a Ordenanza.

Tal e como explicou López Orozco, trátase dun documento elaborado polos servizos técnicos e xurídicos do Concello, a través do cal se quere iniciar un debate social que permita ter unha ordenanza consensuada con toda a sociedade lucense.

Con este obxectivo, proximamente, achegaráselle o borrador ao Consello de Entidades Veciñais, así como aos membros do Consello Escolar Municipal. López Orozco indicou que “estamos nun bo momento para producir un debate, para estudar este borrador e que conte co máximo consenso político e social”.

Neste sentido, o Alcalde explicou que non se trata dun documento pechado nin predeterminado senón que animou á cidadanía a participar coas súas suxestións e recomendacións para “mellorar aquelo que logre o acordo dunha Ordenanza tan importante para regular a vida cívica no espazo urbano”.

Para elaborar o documento, desde o Concello de Lugo tivéronse en conta outros proxectos similares xa vixentes como as Ordenanzas de Civismo da Coruña, Santander ou Barcelona.

Políticas preventivas en relación co consumo de alcol

O Alcalde fixo fincapé nun dos temas que máis incide na convivencia: o consumo de bebidas alcólicas no espazo público. Así, recordou a enquisa que ven de facer pública o Ministerio de Sanidade na que se recolle unha diminución na idade dos consumidores do alcol, así como un incremento das persoas que alcanzan estados ebrios nas fins de semana.

López Orozco sinalou que se trata dun fenómeno “preocupante” e, aínda que explicou que non se debe xeneralizar, amosou o interese do Goberno que dirixe por previr este tipo de situacións mediante políticas que provoquen actitudes mellorables.

Así, “a sociedade tamén necesita que os organismos públicos tomen cartas no asunto, traballen conxuntamente e se busquen solucións para unha problemática co fin de conseguir unha cidade con igualdade de dereitos”. “Temos que convivir e compartir a cidade”, expuxo.

Co obxectivo de que a cidadanía lucense participe no borrador de Ordenanza de Civismo o Concello de Lugo pon á disposición dos veciños o enderezo alcaldiaarrobaconcellodelugo.org . “Pídolle aos lucenses que participen porque a cidade a facemos entre todos”, subliñou o Alcalde.

Participe!Pode descargar o borrador da ordenanza de civismo Borrador (arquivo PDF 284 KB) e pode empregar este formulario para aportar as súas suxestións

Pola súa banda, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, explicou os apartados aos que se refire a Ordenanza e que son: atentados á dignidade das persoas, degradación visual do entorno urbano, mendicidade, consumo de bebidas alcólicas no espazo público, comercio ambulante e prestación de servizos na vía pública, utilización do espazo público para o ofrecemento e demanda de servizos sexuais, necesidades fisiolóxicas ou actitudes vandálicas no uso do mobiliario urbano.

Tal e como explicou o Alcalde, o Concello baralla como horizonte de aprobación da Ordenanza o mes de outubro, unha vez se teñan todas as achegas dos cidadáns e os diferentes colectivos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova