Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo inaugura o Centro de Convivencia Maruja Mallo para o desfrute dos lucenses


# Luns, 22/06/2009
A infraestrutura contou cun investimento de preto de 2,5 millóns de euros

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá na inauguración do Centro de Convivencia Maruja Mallo, unha das apostas do equipo de Goberno para garantir o benestar social da cidadanía. No acto estivo acompañado pola Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre. A nova infraestrutura coa que conta dende hoxe a cidade supuxo un investimento de preto do 2,5 millóns de euros.

O Centro de Convivencia Maruja Mallo súmase aos outros cinco cos que conta o Concello de Lugo: o de Fingoi, o de Lamas de Prado, o da Milagrosa, o Sagrado Corazón e o Uxío Novoneyra, e aos centros de dinamización social da zona rural: Coeses, San Xoán de Campo e Bóveda e Calde, e en obras están xa o de San Pedro de Mera, Santa Comba e o de Rubiás.

Coa apertura do Centro de Convivencia Maruja Mallo avánzase no compromiso de López Orozco de construír en todos os barrios da cidade dotacións públicas por e para o desfrute da cidadanía de Lugo, para garantir a igualdade de dereitos a todas e todos os veciños fosen da zona que fosen, do norte, do sur, do centro ou do rural.

O Alcalde indicou que “desexo que os veciños e veciñas de Lugo desfruten deste centro feito coa aportación dos lucenses, é unha obra deles”.

Características das instalacións e servizos

O Centro de Convivencia conta cunha estrutura de tres plantas e planta baixa. Ten unha superficie útil de 3.400 metros cadrados construídos na rúa Carril das Hortas. Nas súas instalacións conta con biblioteca, salón de actos, ocioteca para os máis cativos, sala de exposicións para os artistas noveles, comedor, sala de relax, seis salas polivalentes, servizo médico, ATS, fisioterapeuta, educador e traballador social. Poderán utilizalo todos os veciños e veciñas da cidade e, ademais, os usuarios e usuarias da ocioteca de Fontiñas pasarán a utilizar esta nova infraestrutura.

A este centro tamén se trasladará no mes de xullo o Centro de Día Antonio Gandoy, que contará cun espazo que é 100% accesible. O centro contará con 50 prazas que complementará o servizo que ven ofertando o Concello e que a finais de ano pasarán a ser 73.

O centro constituirase como un referente de convivencia e cultural para a cidadanía, e xa, dende o primeiro día, contará coa mostra de Médicos del Mundo, Mulleres de Vida Alegre que estará aberta ao público ata o vindeiro 17 de xullo.

Maruja Mallo

A concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, decidiu dedicarlle este centro a unha muller de referencia internacional no mundo da pintura, nacida en Lugo e que representa ese papel central da muller no desenvolvemento social e intelectual de Galicia.

Maruja Mallo naceu en Viveiro en 1902. Está considerada como unha das máis importantes figuras da pintura surrealista mundial. Na súa xuventude emigrou a Arxentina para posteriormente asentarse en Madrid, onde morreu en 1995. Relacionouse cos máis importantes intelectuais e artistas do seu tempo, e foi un paradigma de muller rebelde e libre.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova