Imprimir

O CONCELLO DE LUGO TRAMITA MÁIS DE 300 SOLICITUDES PARA FOGUEIRAS DE SAN XOÁN


23/6/2009 O Alcalde fixo público un bando para saber as normas ás que se terán que axustar

A Policía Local tramitou un total de 304 solicitudes de permiso para a realización de fogueiras con motivo da Noite de San Xoán, tanto no centro urbán como na zona rural.

Coa celebración desta festa o Alcalde, José López Orozco, fixo público un bando para facer saber as normas ás que se teñen que axustar as fogueiras:

1ª.- Queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos.

2ª.- As fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo.

3ª.- O responsable ou responsables e os organizadores de cada fogueira deberán retirar do lugar de celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima.

4ª.- En caso de incumprimento do indicado ou de queixas fundamentadas dos veciños, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios, e a requirimento da Policía Local, a sufocar de inmediato a fogueira.

5ª.- As solicitudes para obter o permiso para a queima faranse nos impresos que están a disposición dos interesados nas dependencias da Policía Local.