Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca que o proxecto Lugoqualitas e a nova web europedirect constitúen unha aposta do Goberno polo coñecemento "como materia prima inesgotable"


# Mércores, 24/06/2009
José López Orozco e Sonia Méndez entregaron hoxe os diplomas aos participantes no proxecto Lugoqualitas

Imaxe Asociada

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou hoxe que o proxecto Lugoqualitas e a nova web sobre a UE europedirect constitúen unha aposta do Goberno polo “coñecemento como materia prima inesgotable”. O Alcalde de Lugo participou esta mañá xunto coa Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, na entrega de diplomas aos participantes no programa Lugoqualitas. No mesmo acto, deuse a coñecer a nova web do Concello con información sobre a UE, www.lugo.es/europedirect .

A nova web recolle información de interese para os lucenses sobre a relación coa UE, sobretodo en materia laboral e de formación. Pódese acceder a través da páxina do Concello www.lugo.es. O Alcalde salientou que o portal facilita “unha comunicación ao día de todo canto está facendo a Unión Europea”.

Así mesmo, valorou o esforzo e o traballo levado a cabo polos 29 participantes no proxecto Lugoqualitas e por ser “testemuñas de excepción desta nova Europa que estamos a construír e que cada día se fai máis realidade”.

José López Orozco referiuse ao papel que ten que xogar o Concello en relación cos mozos e as mozas. Así, destacou o traballo do equipo de Goberno a prol das posibilidades da mocidade, “facilitar que os mozos se formen, poñan en valor o seu coñecemento e consigan un espazo no mercado laboral”.

Neste sentido, resaltou que o Goberno local está facendo un importante traballo en relación coa formación, información e a aposta polo coñecemento como paso previo para a integración no mercado laboral.

Potenciamento da Oficina de Información Europea

Pola súa banda, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez explicou a boa acollida que tivo o proxecto Lugoqualitas, o dá pé para potenciar a Oficina de Información Europea de Lugo que se constitúe no referente para todos os interesados na información sobre Europa.

Destacou que o novo portal aglutina toda a información naqueles temas que despertaron maior interese por parte dos demandantes como son o emprego, a mocidade e as axudas ás empresas no marco a UE.

A web reforzará o papel da Oficina de Información Europea de Lugo, ao tempo que presentará un apartado específico, o espazo lucenses en Europa, a través do cal animar á mocidade a coñecer Europa co fin de mellorar a formación da mocidade e a súa empregabilidade.

Proxecto Lugoqualitas

O proxecto posto en marcha polo departamento que dirixe Sonia Méndez baseouse na formación como eixo para a cualificación profesional da mocidade lucense mediante a organización de prácticas profesionais no contorno europeo.

Beneficiáronse do prometo un total de 29 mozos (19 mulleres e 10 homes) titulados en ciclos de formación profesional e carreiras universitarias que realizaron estancias de 13 semanas facendo prácticas en empresas de Italia e Polonia. As empresas nas que realizaron as prácticas pertencen aos máis variados sectores, en relación cos estudios realizados durante as súas etapas de formación.

Dos 29 participantes, 15 están traballando na actualidade, 2 participaron en proxectos de voluntariado internacional en Chiapas (México) e agora continúan vinculados ao proxecto. Un conseguiu unha beca para continuar en Italia, 2 continúan completando a súa formación e, os demais, están realizando distintas actividades formativas e en busca activa de emprego.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova